Ctrl + F
Busca no relatorio


Galego (ILG)  Galego-português (AGAL)







Relatorio de vulneracións dos
dereitos civis no espazo público


Galiza  2010 - 2014
INTRODUCCIÓN 2010 2011 2012 2013 2014









Unha diagnose incompleta… mais preocupante



Esta introdución ao Relatorio que presenta Esculca sobre  abusos policiais no espazo público no periodo 2010-2014 vai alén da convención formal que esixe un texto preliminar contextualizador para este tipo de traballos. Neste caso , a introdución é necesaria para dar conta das dificultades da confección do Relatorio e, por iso mesmo, tamén das suas eivas.

Como dixemos, o obxecto do relatorio é documentar as actuacións político-policiais que na Galiza e no periodo 2010-2014 supuxeron unha intromisión e limitación nos dereitos civis , nomeadamente nos dereitos de manifestación , reunión , participación política , expresión de de folga e liberdade sindical. Un obxectivo cumprido só parcialmente por canto non fomos
capaces de recoller as moi numerosas infraccións da lei de seguridade cidadá realmente acontecidas no País. Non é esta unha aseveración voluntarista ou preñada de falsa humildade. Consta ao noso Observatorio que Galiza é a terceira comunidade do Reino da España, "excluíndo Madrid, da que non hai datos", con máis expedientados e multas impostas polo Goberno en protestas, segundo datos do Ministerio do Interior. Entre xaneiro de 2012 e setembro de 2013, abríronse 110 expedientes. As sancións arrecadaron 35.100 euros, unha cuarta parte do total de todo o reino. Desde entón, a cifra non deixa de crecer. Por tanto , este Relatorio , acudindo á recorrente metáfora , no amosa mais do que a cumio do iceberg.

O método seguido por Esculca  foi acudir a grupos , organizacións, colectivos , sindicatos, etc.,  para reunir datos sobre obstáculos e restricións impostas ao seu labor polas forzas policiais e os seus mandos políticos,  nomeadamente por medio da aplicación do dereito administrativo sancionador e do dereito penal, alén de casos infelizmente subsistentes de agresións  físicas. Tamén recorremos directamente a persoas afectadas por violencia policial ou medidas administrativas arbitrarias así como á información pública. Non había outra opción. Mais o método ten limitacións per se. Son numerosas, e relevantes cualitativamente, as actuacións que mesmo as organizacións mais proclives a documentar este tipo de feitos optan por non consignar. O activismo político-social “dabondo ten” con seguir facendo política non institucional na rúa e resúltalle difícil  levar un relatorio pormenorizado dos actos represivos que padecen  os seus e as suas  militantes, sobretodo daqueles máis comúns como por exemplo  as identificacións arbitrarias de activistas (prospectivas ou intimidatorias), que veñen constituir o que se coñece como “represión branda”. Por outra parte, os medios de información non sempre recollen con fidegnidade noticias referidas a este tipo de cuestións e as propias persoas afectadas por algún abuso prefiren moitas veces non dar publicidade ás agresións sofridas para evitar represalias.

Mas se este método ten eivas , o certo e que non podíamos empregar outro. En primeiro termo, como principio de actuación : o Relatorio, na sua confección , outorga o protagonismo aos colectivos e persoas  activos no Pais como suxeitos nun ecosistema represivo-inquisitivo (que é o que debuxa o Relatorio) . En segundo lugar , é obvio que quen ten a información detallada son os suxeitos pasivos da actuación coercitiva e non é posibel observar  directamente todos e cada un dos actos deste tipo que acontecen na Galiza.



Unha feble rede institucional tuitiva de dereitos


Sorprende no Relatorio a existencia de numerosos actos policiais nidiamente arbitrarios, sen vínculo algún coa finalidade de prevención da delincuencia ou sanción de faltas, delitos  ou infraccións para a que o ordenamento xuridico confire aos corpos policiais esas facultades, agora sinaladas como disconformes a dereito. De feito, se tivesemos que acudir a unha cualificación xuridica , non poderiamos menos que cualificar moitas das actuacións consignadas no Relatorio como unha clara desviación de poder. Actuacións que afectan numerosos dereitos fundamentais, algúns deles cun teórico “corpus” de xurisprudencia constitucional tuitiva como o dereito de folga. Semella que na rúa, a doutrina constitucional non é suficiente.


E ainda que non é obxecto do estudo, compre tamén reflectir sobre o débil sistema institucional (xudicatura , Valedor do Pobo, Defensor del Pueblo, …..) de defensa de dereitos que caracteriza este estado de dereito. Feble sistema tanto no acceso á tutela xudicial efectiva (durante o periodo que abrangue o Relatorio estaban vixentes as taxas xudiciais para acceder aos recursos contra sancións gobernativas) como as consecuencias patrimonais , coa xeneralización da imposición dos custos nos asuntos contenciosos administrativos.



Conflitividade social


O Relatorio describe unha situación pouco coherente. Á vista das actuacions poítico-policiais e dun sistema de tutela de dereitos de moi baixa intensidade, poderia  pensarse que Galiza vive imersa nun clima de tensión en que amiúdan  actos violentos, mais esta visión difere moito do que acontece realmente nun Pais cunha conflicitividade social que se manifesta de maneira regular por medios pacíficos. O presente relatorio documenta, cremos que suficientemente a pesar das limitacións antes sinaladas, o que acontece nas rúas  cando se quere exercitar o dereito de expresión, reunión ou folga . E, ainda que tardía,  aspira a ser unha forma  de defensa de dereitos por medio de documentación das súas infraccións.

O noso agradecementos a todos as persoas, colectivos e grupos que colaboraron na recollida de información para este Relatorio. Sen a súa colaboración , non seria posibel obter esta radiografia do estado dos dereitos civis na Galiza.











O obxecto do relatorio é documentar as actuacións político-policiais
que na Galiza e no periodo 2010-2014 supuxeron unha intromisión e limitación nos dereitos civis













Son numerosas, e relevantes do ponto de vista cualitativo, as actuacións que mesmo as organizacións mais proclives a documentar este tipo de feitos optan por non consignar












Sorprende a existencia de numerosos actos policiais nidiamente arbitrarios, que constituen unha clara desviación
de poder















Este relatorio dá conta das denuncias realizadas por diferentes colectivos e persoas ante a vulneración dos seus direitos civis. Os seguintes símbolos axudarán o leitor ou leitora a identificar, comprender e clasificar facilmente este tipo de denuncias ao longo do relatorio.














Identificacións inxustificadas
Vixilancia coercitiva


Sancións económicas ao exercicio de dereitos fundamentais










Limitación dos dereitos á libre expresión, información ou manifestación


Abusos motivados polo perfil da vítima ou a sua identidade nacional, política, de xénero, etc.










Abusos policiais e represión
do exercicio de dereitos fundamentais


Relato parcialmente incompleto












2010


Xaneiro


22/01/2010


Cinco persoas son sancionadas pola Subdelegación do Goberno de Lugo por organizar unha concentración de protesta contra a política lingüística da Xunta durante unha visita de Feijóo ao Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.


28/01/2010


En Vigo, antes do xogo Celta-Atlético de Madrid, membros do Frente Atlético agreden seguidores do conxunto vigués ante a pasividade dos axentes do Corpo Nacional de Policía (CNP) que observan a agresión sen intervir. Despois prodúcese unha carga en que resultan espancadas persoas que nada teñen que ver co altercado.
Unha  delas, E.V.D, ve pasar correndo un grupo de xente cara a entrada do  fondo do estadio. Ao igual que muitas outras persoas que circulavan nese  momento polo lugar, continua andando con normalidade. Ao pouco, E.V.D. é  alcanzado por vários axentes anti-distúrbios que tamén viñan correndo e  que comezan de imediato a mallar en viandantes alleos ao incidente. Agarrado por dous axentes, E.V.D., é deitado no chao onde mallan nel brutalmente  durante vários minutos (porrazos e pontapés) que lle provocan lesións en brazos, xoenllos, cabeza e cadeiras. É trasladado ao hospital onde recebe pontos de sutura. Todo iso  acontece apesar dos berros de moitas persoas que se encontravan no  lugar e puderon presenciar a brutal malleira. Posteriormente,  E.V.D. presenta denuncia contra o CNP acompañada de parte de lesións emitido no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Segundo diversas fontes, o número de lesionados é mui elevado, ainda que se descoñece se se apresentaron mais denúncias.


Abril


05/04/2010


Como consecuencia da denuncia apresentada pola asociacion Galicia Bilingüe contra a Assembleia da Mocidade Independentista (AMI) pola realizacion e  difusion da curta de animacion "Vilingüismo", o xuiz Ventura Perez  Mariño, a frente do Xulgado de Instruccion nº7 de Vigo, ordena a  clausura da paxina web da AMI, prohibe cautelarmente a emision ou  difusion do filme por  calquer medio, e cita a declarar tres membros da organización  xuvenil (M.O., X.B. e M.G.) como supostos responsabeis dun delito de "incitacion ao odio" tipificado no Art. 510 do  Codigo Penal.
Catro anos despois (04/11/2014), a causa é arquivada.


Xullo


18/07/2010


A.R.P. é sancionado administrativamente polo concello de Compostela por colocar cartaces relacionados coas mobilizacións dos días 24 e 25 de xullo. A sanción é confirmada posteriormente.


24/07/2010

 
Na Alameda de Compostela, no comezo dunha manifestación convocada por Briga en favor da independencia, axentes do CNP cargan indiscriminadamente contra un grupo dunhas 150 persoas cando estas tentan acceder á zona vella. Numerosas persoas resultan feridas. Un mozo (X.) é magoado no pulso, e dúas rapazas (L. e M.) receben porrazos na cabeza que lles provocan hematomas e, a L., derrame nos ollos. As tres son atendidas no CHUS, e posteriormente presentan denuncia conxunta acompañada de parte de lesións.


25/07/2010


Unha xornalista andaluza de El País é ameazada na entrada da Alameda de Compostela por un axente anti-disturbios cando pregunta a unha viandante como chegar á Pescadería Vella. O axente intrométese e afirma: “Aquí no hay nada que se llame Pescadería Vella, se llama Pescadería Vieja; y tú, que eres de fuera, deberías saberlo”. A seguir ordénalle marchar de alí antes de comezaren cargar contra os manifestantes. "No vaya a ser que te demos unas hostias”.
Dirixíndose  a outra xornalista que está no lugar en compañía de outras 4 persoas  pregúntalle se ten algún problema por el non falar galego e urxe o grupo  a marchar rapidamente: “A ver si camináis tan lento  cuando vaya detrás  de vosotras; tú, con lo gorda que estás, seguro que  debes de andar  cerca de los noventa kilos”.
O  portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera,  rexistra  posteriormente unha iniciativa parlamentar en que demanda ao Goberno  medidas disciplinares contra o a axente.



Axentes do CNP impiden en Compostela o acceso a determinados puntos da cidade, nomeadamente a Praza do Obradoiro, a persoas que portan bandeiras galegas. Un grupo de menores é increpado na Alameda por axentes do CNP, con frases como “metede a bandeira polo cu”.


Agosto


08/08/2010


A asociación cultural Gentalha do Pichel é sancionada polo Concello de Compostela cunha multa de 1.500 euros por ter pendurado no exterior do local unha faixa coa lenda “Na Galiza só em galego” durante a celebración das festas de San Xoan.


Setembro


29/09/2010


A Subdelegación do Goberno da Coruña notifica a apertura de procedemento sancionador por "infracción grave" (de 300 a 600€) a dous participantes (J.A.G.M. e B.A.C.)  da marcha convocada por Causa Galiza o 24 de abril ao Cemiterio Paleo Velasco en memoria dos Mártires de Carral. A marcha fora comunicada en tempo e forma.
As imaxes do vídeo feito público polo colectivo convocante desmente a afirmación con  que a Subdelegación xustifica a sanción ("os manifestantes ocuparon todo o longo da vía, impedindo a circulación en ambos os sentido")  e revelan que a marcha decorreu  de forma pacífica sen alterar o tránsito de vehículos.



En Lugo, varias persoas que colocan cartaces en relación coa Folga Xeral convocada para este dia polo sindicalismo nacionalista son identificadas, agredidas e detidas por axentes do CNP (5 furgóns e uns 15 axentes). Posteriormente son postas en liberdade sen pasaren a disposición xudicial e finalmente son sancionadas cunha multa por desobediencia e danos en bens inmobles.


Outubro


11/10/2010


Entre 20 e 30 persoas son sancionadas por unha concentración en solidariedade coas persoas presas diante do Marco en Vigo. A Subdelegación do Goberno de Pontevedra impón unha multa de 950 euros a cada unha.


07/10/2010

  
O Concello de Compostela publica o 7 de Outubro na sección "Avisos" da sua páxina web o chamado "Acordo sobre  medidas operativas e de seguridade que se tomarán na zona  histórica con motivo da visita do Papa o 6 de novembro". As  medidas afectan directamente tres dereitos  fundamentais: à libre circulación polo território do Reino de España (art. 19 CE), á  produción artística (art. 20.1 CE) e o dereito de reunión  (art. 21.2  CE), todos eles en relación con o princípio de legalidade do art. 9 CE. Tamén  vulneran o ordenamento específico das Corporacións Locais (art. 18 da  Lei 7/ 1985, de 2 de abril) de Réxime Local, que determina o direito de  veciños e veciñas a utilizaren os servizos públicos municipais e  acederen aos aproveitamentos comunais. Ainda  que a restrición de direitos fundamentais non pode ser acordada por  meio de calquera norma, sob pena de infrinxir o princípio de legalidade  do art. 9 (CE), as medidas anunciadas polo concello foran acordadas unilateralmente, sen pasar pola Xunta de Governo ou o Pleno do Concello.


10/10/2010


EsCULcA  interpón recurso contencioso-administrativo especial de protección dos  direitos fundamentais da persoa e pede a suspensión cautelar do "Acordo sobre  medidas operativas e de seguridade que se tomarán na zona histórica con motivo da visita do Papa o 6 de novembro" ao estimar que supón unha intervención desproporcionada na liberdade de deambulación en espazos da cidade. 
Alega que, de non se adoptar a medida de suspensión da execución do acto impugnado, o recurso veríase privado de sentido por carecer de efectividade unha vez decorrido o período da súa execución.


28/10/2010


O Movemento polos Dereitos Civis (MpDC) denuncia que numerosas persoas  que penduraron nas xanelas das súas vivendas cartaces co lema "Eu non te  espero" (en referencia a inminente viaxe do Xefe do Vaticano a Compostela) recibiron a visita de axentes dos corpos policiais que  nunhas ocasións pediron rexistar o interior da vivenda e noutras a  retirada dos cartaces. Nos casos en que non estava ninguén na casa no  momento da visita, os axentes solicitaron información aos veciños sobre as persoas que moran nela. O MpDC confirma ter constáncia directa de tres casos nas rúas San Pedro, Salvadas e Av. do Restollal.

Pola súa parte, EsCULcA confirma ter constáncia testemuñal directa de 5 intervencións policiais destas mesmas características: unha na Rúa dos Loureiros (con interrogatórios às persoas que moran nos apartamentos  viciños), dúas na Av. do Restollal (unha delas na vivenda de unha  família migrante que abandonou posteriormente  Galiza), unha na Peixería  do Camiño da Av. San Lázaro (onde os axentes insistiron para que fose  retirada a  bandeira), e outra nunha vivenda deste mesmo bairro, onde  procederon a un rexisto autorizado pola proprietária. 
Diante  dos medios de comunicación, un portavoz da Xefatura Superior de Polícia  na Galiza afirma que non se deran instrucións oficiais para a retirada  de bandeiras e mensaxes críticas, mais precisa: "coa grande presenza  policial destes dias en Santiago é moi difícil para os mandos policiais  coñeceren se se produciron actuacións isoladas á marxe das ordes  oficiais".


Novembro


02/11/2010

  
A Delegación do Goberno proibe a manifestación de protesta pola visita papal a Compostela convocada pola plataforma “Eu non te espero”, alegando ter sido comunicada fora de prazo.
A  decisión é recorrida por S.G.F., asinante da comunicación e é admitida a trámite. A audiencia celébrase o 09/11, isto é 5 días despois  da data prevista para a celebración do acto.

04/11/2010


Un rigoroso dispositivo policial impede que un grupo de persoas reunidas na Alameda de Compostela inicien unha marcha para mostrar a súa oposición á visita do Xefe do Vaticano á cidade. Cando a concentración se dá por rematada, axentes do CNP cargan contra varias persoas que, xa fora do cordón policial, corean lemas. Entre as persoas agredidas polos axentes hai cámaras e xornalistas que realizan o seu traballo.
H. B., cámara de Galiza Contrainfo, é agredido por varios axentes na Praza  de Galiza. Despois de lle propinaren numerosas pancadas no corpo e na  cámara, un dos axentes bérralle: "A ti te veo en todas". Outro cámara, neste caso da TVE, é empurrado por varios axentes.
Un fotógrafo do xornal El País recebe unha pancada propinada por un axente. Outro xornalista, neste caso sen identificar, é retido por vários axentes.
Por  outra parte, o Bar As Dúas de Compostela é rodeado por axentes con  equipamento anti-distúrbios que, desde a entrada, proferen insultos contra as persoas que están no interior en canto baten con as  porras en portas e xanelas. Durante algo mais de unha hora impeden a  entrada e saída de persoas do local.

05/11/2010

 

O Alcalde de Compostela, Sánchez Bugallo, anuncia en conferéncia de  prensa a aplicación do princípio de  extraterritorialidade no contorno da catedral durante a  visita de Joseph Ratzinger mediante a cesión à  igrexa católica de competéncias legais e xurisdicionais  sobre cinco  prazas (Quintana, Obradoiro, Pratarias, Cervantes e Imaculada), asi como  sobre o Pazo Arcebispal e a prática  totalidade do Pazo de Raxoi. Segundo a norma, a zona pasará a ser temporalmente “território vaticano”.
Representantes do CNP e da Conferencia Episcopal retiran ao cámara H.B. de Galiza Contrainfo, ao fotógrafo X.A.F. e á redactora de Novas da Galiza I.C. autorización  de acceso aos lugares en que estará presente Joseph  Ratzinger durante a visita alegando motivos de seguridade,  o que impede a/os profesionais realizaren o seu labor. A autorización tiña  sido concedida días antes pola propia Conferencia Episcopal.
A  plataforma "Eu non te espero" informa en  conferéncia de prensa da presentación dun proceso cautelar sobre  direitos fundamentais perante o Tribunal Superior de Galiza por  vulneración do direito de  manifestación. Denuncia a forte presión policial a que son  submetidas  todas as expresións críticas da visita do xefe do Vaticano a Compostela  (rexistos domiciliários,  presións para a retirada de bandeiras  críticas, identificacións na via  pública, etc.)

06/11/2010

 
Ao longo de toda a xornada mandos policiais do Vaticano organizan a  seguranza das prazas a que se aplica o "principio de  extraterritorialidade" anunciado polo alcalde o día anterior. Tamén a da  própria casa do Concello.
Todas  as persoas que queren entrar nas rúas bloqueadas do casco histórico son  identificadas e interrogadas sobre o lugar a que se dirixen e o motivo.  As súas pertenzas son inspeccionadas por axentes do CNP.  Despois son escoltadas por axentes até o lugar de destino.
Pasadas  as 24:00, un indivíduo (C.S.A.), que circula en compañia dun grupo de  amigos pola Praza Cervantes, recebe un golpe na nuca e ao virarse para  ver quen é comproba que o agresor é un axente do CNP. O  axente tenta prendelo, o que provoca a reacción de apoio do grupo e o agredido bota a correr. Un dos membros do grupo é identificado polos axentes.


18/11/2010


Un axente da Policía Local de Compostela ordena a R.N.S., responsábel de organización da Confederación Intersindical Galega (CIG), que  retire dous vehículos (un con megafonía e outro con material)  estacionados na Praza Roxa, lugar de saída da manifestación convocada  polo sindicato. Segundo o axente os vehículos impeden á entrada aos garaxes das vivendas (ainda que na zona non hai garaxes). Cando R.N.S. lle fai notar que a  presenza dos vehículos fora comunicada en tempo e forma, o axente ameaza  con sancionalo.
En xaneiro Concellería de Seguridade Vial do Concello de Compostela notifica ao sindicato sanción de 200 euros por suposta infracción dos dous vehículos.


Decembro


16/11/2010


A  Subdelegación do Goberno proibe a “Marcha á prisión de Teixeiro”  organizada anualmente por colectivos anti-carcerarios galegos alegando a comunicación ter sido presentada fora de prazo.
Posteriormente, o 03/01/2012, o Tribunal Superior de  Xustiza (TSX) dita sentenza desestimando o recurso contencioso administrativo de protección de dereitos fundamentais presentado por FBA e DBH  contra esta decisión. O TSX estima que o feito de non ter sido presentada a comunicación en prazo avalaba a decisión administrativa.


20/12/2010

 
O autocarro que transporta as persoas que participan na “Marcha às Cadeias”, organizada anualmente pola plataforma "Que voltem para a casa" para denunciar a política de dispersión dos presos e presas independentistas, é detido en Ourense por sete dotacións da Policia Nacional, que identifican todas as persoas que viaxan no vehiculo. O episódio repítese frente a prisión de Mansilla de las Mulas (León), onde a Guardia Civil identifica outra vez todas as persoas, neste caso tamén son inspeccionadas algunhas mochilas.
 


2011


Xaneiro


07/01/2011


Con motivo do primeiro día de rebaixas, a Policía municipal da Coruña leva a cabo unha redada na rúa Real contra vendedores top-manta. O gran despregamento de medios coercitivos (axentes motorizados, uniformados e de paisano) e o uso excesivo da forza  provoca a protesta de persoas que testemuñan a intervención, o que os  axentes contestan con intimidacións e ameazas de detención. Finalmente  deteñen dous vendedores.  O alcalde da cidade, Javier Losada, afirma que a intervención policial  veu determinada polos reclamos da organización de comerciantes da zona.

08/01/2011


Unhas 70 persoas que participan na “Marcha á prisión de Teixeiro”, convocada por distintos colectivos de apoio ás persoas presas, son identificadas, gravadas e, en moitos casos, sometidas a inspeccións corporais por membros do CNP. Tamén son obxecto de identificación algúns viandantes sen relación alguna coa marcha reivindicativa.
Posteriormente, unhas 30 persoas reciben notificación de sanción da Subdelegación do Goberno da Coruña por supostamente teren alterado a seguranza colectiva ao circularen pola vía sen o correspondente chaleque reflectante.

10/01/2011


Nova  intervención na Rúa Real da Coruña contra vendedores ambulantes  subsaharianos. Neste caso sen detencións e con uso menor de forza e medios coercitivos que no decurso da anterior intervención no 07/01/2011.


17/01/2011

  
EsCULcA  formaliza demanda contra  as medidas tomadas polo Concello de  Compostela con motivo da visita de  Joseph Ratzinger a esta cidade,  dadas a coñecer públicamente  o 07/10/2011.

26/01/2011


Sobre as 22:00 horas, un grupo de sindicalistas é obxecto de control diante da empresa Papelera Brandia cando informan  os  traballadores das razóns da folga xeral do día seguinte. Diante da  empresa os axentes observan e toman nota das matrículas dos vehículos dos sindicalistas. Posteriormente, un membro do piquete, R.N.S., sindicalista da CIG, é perseguido  por un vehículo do CNP cando se dirixe ao seu domicílio no concello de Teo. À altura da parroquia de  Cacheiras, o vehículo policial abandona a persecución.

27/01/2011


Xornada de Folga Xeral. Desde  primeira  hora,  os  membros  dos  piquetes  informativos  que  se dirixen  aos  polígonos  industriais ou se reúnen às portas das factorias topan con fortes dispositivos policiais e son obxeto de identificacións, inspeccións corporais e revisión dos  vehículos.


Vigo
Os axentes que forman o dispositivo policial instalado nas proximidades  da factoria Citroën impeden o piquete informativo desenvolver o seu  cometido argumentando que os traballadores están xa "suficientemente  informados". Os membros do piquete teñen que limitarse a corear consignas sen que lles sexa permitido falar cos traballadores nin entregarlles manifestos.
Tamén  nas  proximidades  da  factoria  de  Citroën  en  Balaídos  axentes  do  CNP proceden  a  inspeccionar o  automóvel  de  A.S.  despois  de  a   proprietária  o  ter  estacionado  para  reunirse  con  outras  persoas   do  piquete informativo de que ela mesma forma parte.
Uns  40 sindicalistas que saen da sede do sindicato CUT pouco despois da  media-noite comproban que son perseguidos por membros da VIII Brigada de  Intervención Policial. Á altura da rúa María Berdiales (por volta da  01:30 da madrugada) os axentes cargan contra o grupo e interceptan un  dos seus membros, T.M.R., ao que propinan unha brutal malleira. O  agredido é ingresado no hospital.
En  torno às 04:00 horas, na Av. de Madrid, son detidos 5 sindicalistas despois dunha persecución en coche. Os cinco son transladados a  comisaria e postos en liberdade horas despois sen pasaren polo xulgado.



Ourense
F.B.A.  (avogado e membro dun piquete) comproba que a maioría dos axentes do dispositivo despregado na cidade non cumpre a instrución de  uniformidade e identificación legal. Un dos poucos axentes que porta a  placa de identificacion, ao sentirse observado pergunta a F.B.A. desabridamente que fai e cando este responde que está tentando ler o número, o axente arranca a placa con xesto rápido. Ao recriminarlle  F.B.A. esta actuación e lembrarlle a obrigación de a levar para poder ser lida à "distáncia de respeito", intervén o xefe do dispositivo.
No  decurso da madrugada F.B.A. é identificado dúas veces consecutivas, a  primeira por axentes do CNP e a segunda por axentes da Policía  Autonómica (PA), cando  circula en compañia de outras dúas persoas na  zona urbana.
    


Compostela
Axentes  do CNP identifican e inspeccionan, nalgún caso incluídos os seus  vehículos, sindicalistas que chegan à sede da CIG. Entre as persoas identificadas está R.N.S., que fora obxecto de persecución policial  poucas horas antes. Cando  voltan sair para acudir un piquete detido por axentes do CNP a apenas 100 metros do sindicato, un dos axentes diríxese a R.N.S., que  manifestara a súa convicción de as constantes identificacións poderen  vulnerar o direito de deambulación, e ameázao: "Tu estuviste ya en  nuestros calabozos e sabes lo que hacemos allí", para a seguir indicarlle que a noite anterior escapara porque fixera "una maniobra  disuasoria, sen explicar as razóns que poderían xustificar a  persecución.

Os  axentes identifican e denuncian R.O., responsábel da CIG que critica  esta actuación, por "Faltas respeto agente autoridad, entorpecer la labor  policial en una identificación rutinaria, asi como manifestar que iba a  denunciar porque no tenian competencia en dicha identificaciónera ilegal".Posteriormente R.O. recorre a sanción (150€) e gaña o recurso, incluídas as costas.



Ferrol
No  Polígono da Gándara (Narón), nas instalacións do concesionário de  veículos Bouza Car, axentes do CNP cargan inesperadamente contra os  membros dun piquete cando estes reclaman a liberdade dun dos seus  compañeiros retido polos axentes sen razón manifesta. À  carga policial súmase un vixiante de seguranza da empresa Eulen, que malla nos membros do piquete con unha porra desdobrável sen que os  axentes fagan nada para o impedir. Numerosas persoas resultan  lesionadas, entre elas N.C. (sindicalista da CIG) cunha fenda profunda  na cabeza que require asistencia médica e vários pontos de sutura. Un  grupo de axentes preséntase para a identificar no centro de urxéncias  onde é atendida.
Posteriormente,  a CIG presenta denúncia por via penal e esixe explicacións ao Delegado  do Governo na Galiza pola violenta actuación policial.

Días  despois, José Freire, Secretário do Sindicato Unificado de Polícia  (SUP), denuncia en artigo publicado no xornal electrónico Galicia  Confidencial, a presión que segundo el "por parte dos responsables políticos do Ministerio do Interior e dos responsables policiais  politizados, están a sufrir os mandos policiais a tódolos niveis".  Presión policial que se traduciria na prática do que el mesmo denomina  "cultura do 'palote", consistente en "facer identificacións  indiscriminadas coa intención de cadralo balance de resultados da  delincuencia".



Lugo

Axentes da PN deteñen con violencia  desproporcionada os membros dun piquete. Catro son acusados de  danos e agresións á autoridade, o resto, identificados e posteriormente  imputados por danos.



28/01/2011


R.R.L. e R.G.C., rapeiros de Baiona, aceptan pagar unha multa de 900 euros cada un por supostas inxurias e ameazas nas letras das súas cancións a dous axentes da GC. A Fiscalía solicitaba indenmizacións de até 4.500 euros.


31/01/2011


A Subdelegación do Goberno da Coruña informa á CUT a prohibición da manifestación convocada para o 1º de febreiro en Compostela en solidariedade co sindicalista vigués M.N.A., en prisión preventiva no cárcere da Lama, alegando ter sido comunicada fóra de prazo.


Febreiro


03/02/2011

 
J.M.P. e A.L. son xulgados en Vigo por participaren  en 2008 nunha concentración non comunicada frente un acto de Galicia  Bilingüe. A concentración desembocara nunha carga policial. Os acusados enfrentan os cargos de desordes públicas, agresións á autoridade e lesións. As denuncias presentadas por varias persoas contra a policia foran arquivadas. Posteriormente, A.L. é absolvido de todos os cargos e J.M.P é condenado a un ano de prisión.


06/02/2011


Un dipositivo da GC de Tráfico impón a E.M. unha multa de 3.000 euros por ter correxido con  rotulador algúns topónimos do Concello de Vedra. A denuncia non recolle que o feito puidese eventualmente representar perigo potencial para a circulación de vehículos ou persoas.


07/02/2011

 
Dous  axentes do CNP acuden á biblioteca universitaria de Ourense alertados  pola activación dunha alarma e provocan un altercado con M.C.A.P., traballadora do servizo de limpeza do campus universitario. "Viñeron dous axentes e, desde fora, preguntaronme se soara a alarma. Dixenlles  que non sentira nada e dixéronme que non lles berrase e que lles entregase en seguida o DNI". Despois dunha troca de palabras, os axentes alxeman M.C.A.P., translándanna a comisaría, ábrenlle unha ficha e  encérranna nun calabouzo onde permanece até a chegada dun avogado de  oficio.
M.C.A.P. presenta denuncia contra os axentes por trato abusivo. Os axentes tamén a denuncian a ela.


Marzo


09/03/2011


B.L., deputado do BNG, presenta na Cámara solicitude de amparo despois de ter sido obxecto de inspección corporal e de o seu vehículo ter sido revisado por axentes armados con metralladora. O deputado afirma ter recibido trato vexatorio, que provocou que se  sentise "coaccionado", por dirixirse aos axentes en galego.


23/03/2011


Xuventude Comunista denuncia  que axentes do CNP levaron a cabo actos violentos e uso de forza  desproporcionada contra vendedores inmigrantes na Rúa Real da Coruña. A  intervención da policía saldouse coa apertura de  expediente de  expulsión a un vendedor que se encontraba en situación de irregularidade  administrativa.


Abril


01/04/2011


Sobre  as 20:00, na travesía da Mariña da Coruña tres individuos vestidos de  maneira informal e as mans protexidas por luvas pretas agreden un vendedor ambulante  arrastándoo até a subdelegación do goberno onde o golpean contra a parede e o submeten a unha inspección corporal pouco  ortodoxa. Despois un deles arrebátalle a bolsa e marcha.
Unha  persoa que presencia a agresión, A.G.R., recrimínalles a súa actuación e un dos individuos ameázao con detelo ("Ahora vas a ver", "Ya verás en el juzgado", etc.), pédelle documentación e afástao bruscamente do lugar. Inesperadamente, outro deles tira do peto do pantalón unha placa  da policía local (núm. 2225) que mostra a A.G.R., verbalizando unha  xustificación pouco coherente (que el non está a favor disto, que é  traballo, etc.), actitude que logo abandona para retomar o ton autoritario e  manifestar que o van denunciar por "obstrución á autoridade". O mesmo axente fai unha chamada telefónica e tira unha fotografia ao grupo de persoas que  entretanto se fora congregando. Cando o grupo decide a abandonar o lugar, o  individuo comeza a proferir frases ameazantes: "esto va  ir en aumento",  "es por vuestra culpa", etc. e vai atrás deles até à Galeria  Sargadelos, onde abandona a persecución.


Maio


10/05/2011

 
Ás  19:30, nas proximidades do estadio de Riazor da Coruña, axentes do  anti-disturbios cargan violentamente contra siareiros do Deportivo despois de un grupo de xovens ter movido algúns dos valados instalados pola Policía Local para regular o tráfico. Perséguenos até o interior de dous bares da rúa Peruleiro (Café Bar Norte e Café Gallego) onde baten  indiscriminadamente nas persoas que están no interior, teñan  ou non relación cos incidentes, unha delas un xornalista. Duas persoas  resultan feridas. Finalmente levan detida unha moza que protestara ao ser atacada polos axentes.


23/05/2011


A Subdelegación do Goberno da Coruña prohibe a concentración convocada por colectivos feministas para mostraren diante do Parlamento o seu rexeitamento á Lei de Familia alegando teren rexistado a comunicación “fóra do prazo mínimo” esixido pola lei. A prohibición non ten en conta a imprevista inclusión do debate sobre a lei na orde do dia do pleno.
O 24/05/2011 a concentración ten lugar controlada por un forte dispositivo policial. Axentes do CNP identifican varias persoas como supostas responsábeis.


Xuño


14/06/2011


S.A., militante independentista da cidade de Vigo, pasa unha semana no cárcere da Lama por non pagar a multa imposta por ter participado nunha concentración diante da Comisaría de Policia. A concentración tiña como propósito  expresar apoio a catro persoas detidas por queimaren un boneco coa cara de Juan Carlos Borbón.


Xullo


22/07/2011


O Concello de Compostela prohibe un concerto organizado por Briga en Belvís para a noite do 24, co argumento de querer evitar ruídos, problemas de tránsito e danos materiais, e unha romaría popular organizada por Causa Galiza no Parque Fermín Bouza Brei para o día 25, alegando a contiguidade da zona co lugar en que nese dia haberia “grande número de autoridades”. Os dous actos, ambos de claro contido político, foran autorizados dias antes, o primeiro con condicións. A romaria popular ia xa na sexta edición e nos anos anteriores non se producira ningún tipo de problema.


24/07/2011

   
Membros da UIP identifican 30 militantes da organización xuvenil Briga ao saíren do Centro Social Henriqueta Outeiro media hora antes da manifestación convocada por este colectivo na entrada da Alameda de Compostela.



Ás 22:00, hora en que está convocada a manifestación de Briga, axentes da UIP non permiten a entrada a persoas novas na Porta Faxeira  e comunican ás que xa se congregaran no lugar que non poden entrar na  zona histórica. Cando unha delas lle fai notar que no entende as razóns  por canto non están manifestándose, o axente contesta que "a la segunda"  procederá á súa detención. Despois desta troca de palabras, os axentes cargan con violencia contra o grupo e reteñen dous dos seus membros durante 5 horas nun furgón policial. Os membros do equipo de observación de EsCULcA constatan que os axentes incumpren a instrución 13/207.



Ás 22:00, hora en que está convocada a Rondalha com a Bandeira na Praza de Mazarelos pola Assembleia da Mocidade Independentista (AMI), axentes do  CNP identifican un grupo de sete persoas que chegan ao lugar con  bandeiras, faixas e outros símbolos. Cando unha delas pregunta a un  axente por qué só identifican os membros do grupo e non outras persoas  que hai na zona, o axente responde que está traballando (dando a  entender que non pode ser incomodado). Ao facer notar ao responsábel do  operativo que os axentes incumpren a instrución 13/2007, o mando, por  toda resposta, ofrece mostrar a súa placa. Os membros do equipo de observación de EsCULcA comproban que ningún axente cumpre a citada instrución



En diferentes lugares de Compostela son identificadas persoas que  colocan cartaces anunciando a suspensión do concerto de BRIGA en Belvís.



Durante a tarde e noite do dia 24 e a mañá do dia 25 varias persoas que portan bandeiras nacionalistas son impedidas por axentes da UIP de entraren no casco antigo de Compostela e na Praza do Obradoiro. A razón, segundo afirman os axentes, “estar prohibido despregar bandeiras”.


25/07/2011

 
As manifestacións convocadas en Compostela polas organizacións Nós-UP e Causa Galiza son precedidas e flanqueadas por axentes da UIP. A maior parte dos axentes incumpre a instrución 13/2007 de identificación persoal. As manifestación tamén son controladas desde o ar por un helicóptero, a pesar do seu carácter pacífico.

(Ler Relatorio de EsCULcA)



Un membro de BRIGA é detido, e o material que porta requisado, en Ames, pola GC ao encontrarse nas proximidades dun mural coa lenda “A Rúa é Nossa!”. É denunciado por deslucimento de bens inmobeis e delito de danos tanto por este mural como por outros aparecidos no mesmo Concello, a pesar de  tratarse de muros abandonados e non haber neles nada que os identifiquen co militante de BRIGA.



Agosto


04/08/2011


No  Cantón Grande da Coruña dous indivíduos sen uniforme policial nin  ningún tipo de identificación, mais que se identifican verbalmente como  membros da Polícia Local, agriden un vendedor senegalés. Un deles agarra  a bolsa do xoven encanto o outro saca unha pistola e bátelle con ela na  man. Apuntando primeiro ao peito e despois á cabeza, ameaza os  compañeiros do vendedor que se aproximaran do lugar.
Chamado  por estes individuos, chega un vehículo da Policía Local con outros dous axentes, que requisan a bolsa do mozo senegalés.


12/08/2011


Dous militantes de Briga son interceptados por axentes da policía de  paisano mentres realizan un mural en homenaxe a Moncho Reboiras no Concello de Oleiros. A organización xuvenil denuncia que este tipo de  intervencións son habituais, a pesar de os muros sobre os que se realizaba o mural estaren abandonados e deslucidos.


21/08/2011


E.M.S., vendedor senegalés, denuncia un axente da GC que lle propinou unha malleira pola que tivo que ser atendido no Hospital do Salnés en estado de shock. Os  axentes ordenaran a E.M.S. retirar o seu posto de venda de roupa e  reloxos no mercado Miguel Hernández de Ribeira e, cando el xa recollía a  mercadoria, déronlle un pontapé nas costas e pancadas no nariz e nas  pernas.
Outros vendedores pediron aos axentes para mostraren o número de identificación, ao que estes contestaron con insultos.
E.M.S. foi levado ao cuartel da GC.


Setembro


15/09/2011


A Subdelegación do Goberno na Coruña dita Resolución en que prohibe á Rede de Asembleas de Barrios e vilas da Coruña do Movemento 15M celebrar a manifestación prevista para o dia 17 dese mesmo mes na cidade por a comunicación ter sido presentada fora de prazo. No  escrito de comunicación especificábanse as medidas de seguranza que se tomarian e expúñanse os motivos polos que a comunicación às  autoridade se realizaba coa antecedencia mínima estabelecida por  lei.
Posteriormente os colectivos convocantes recorren esta resolución e o TSXG dita sentenza (o 29/09/2011) estimando o recurso.


16/09/2011


Varias persoas que participan todos os anos no 12 de outubro en Arteixo nunha concentración para esixir o esclarecemento da morte Diego Viñas, falecido en circunstancias non esclarecidas nos calabouzos da GC (entre elas CSF, nai de Diego Viñas, LVC, irmá e CC, avogado), son chamadas a declarar perante o Xulgado de Instrución núm. sete da Coruña por un suposto delito de inxurias contra o Instituto Armado.


Outubro


10/10/2011


Ás  11:30 da mañá aproximadamente, un axente do CNP pede documentación a  M.C.G.A cando esta participa nunha concentración diante do Parlamento de  Galiza. Ao preguntar M.C.G.A. o motivo da identificación, o axente  procede a abrirlle expediente sancionador (falta leve) por alegadamente se negar a mostrar a documentación.
Posteriormente, M.C.G.A presenta  recurso e comproba que a denuncia do axente e a súa posterior ratificación son idénticas e están datadas no mesmo día, sendo esta a  única proba de cargo aceptada pola Administración para a sancionar  (120€). Presentado recurso perante o xulgado do contencioso  administrativo nº 2 de Compostela, este revoga a sanción por resolución  do 27/12/2013.


19/10/2011


Axentes do CNP denuncian I.C.P., J.C.C. e L.A.A. por pintaren un mural relativo ao “Dia da Galiza Combatente”. O Ministerio Fiscal solicita pena de localización permanente e responsabilidade civil por importe de 1.500 euros.


21/10/2011


A ANPA do CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera de Ponteareas denuncia publicamente o acoso policial que  sofren as persoas que participan nos seus actos en favor da  “desmasificación  dos centros públicos de ensino, e a construción dun  novo CEIP”, acoso que ilustran coa imposición dunha sanción pola GC (600 euros e perda de 7 puntos) á persoa que conducía o vehículo da megafonía que acompañaba a manifestación do 21/01/2011. Tamén denuncian indefensión por a sanción non ter sido notificada até pasados tres meses.


28/10/2011


O director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, afasta os traballadores A.H.M e A.P.da cobertura das noticias xerais  por teren participado nun acto de protesta na rúa en defensa do carácter  público do medio. Afirma ser incompatíbel o labor de presentador coa  participación neste tipo de actos e ameaza con tomar novas medidas  disciplinares.


Novembro


01/11/2011


A  organización xuvenil Briga informa que un dos seus membros permanecerá  20 días en arresto domiciliario, como pena substitutoria por non ter depositado os 400 € da multa imposta por fotografar un control de estrada da GC e negarse, cando foi requerido, a entregar a cámara aos axentes.


23/11/2011


Axentes  do CNP, do Goes‐Galicia e da UIP, do Grupo Tedax da Coruña e da Policía  Local, con equipamento anti‐disturbios e sen o número de identificación  á vista, establecen un cordón en torno á Sala Yago onde se procede a  despexar activistas que realizan un encerro de protesta. Varias  persoas fan notar aos axentes a ilegalidade de ocultar a placa  identificativa e en todos os casos as respostas son desabridas:
“Lo  llevo aquí”, sinalando o centro do peito (resposta dun axente a J.M.C., xornalista  que, despois de ser obrigado a identificarse cando realizaba o seu  labor profesional, solicita ao axente que lle mostre a placa).
“Vete  a preguntar al juzgado” (resposta dun axente a J.M.C. e a P.A.M.).
“No te entiendo” (resposta do responsábel do operativo a V.R.G., que se dirixe a el en  castellano e a E.S. , membro de EsCULcA, que se dirixe a  el en galego).
Varios axentes  e o propio responsábel do operativo toman fotografías con teléfonos  móbeis das persoas congregadas en torno ao cordón policial. Unha  muller que tenta tomar unha fotografía no momento en que saen varias  persoas do interior do edificio é empurrada violentamente por un axente.

Antes  das 12:00 algúns axentes deteñen con violencia e sen motivo manifesto  unha xoven (P.T.B.) no exterior do edificio (soportais da Rúa do Vilar) e  trasládana, alxemada, a comisaria, onde ela solicita ser examinada por  un médico pois sente dores en diferentes partes do corpo. O facultativo  do Ambulatorio (J.L.P.) realiza a consulta en presenza de axentes  policiais e dispensa á paciente trato vexatorio.
No  dia seguinte (24/11/2011) P.T.B. asiste novamente ao Ambulatorio de  Compostela onde é atendida por outro facultativo (R.I.L.) que  diagnostica "signos inflamatorios y limitación funcional articular rodilla derecha" .
A  detención de P.T.B. provoca as críticas de varias persoas presentes no  lugar e os axentes reaccionan agresivamente. Unha das testemuñas  (V.R.G.) recibe varios golpes de porra que lle ocasionan hematomas. Finalmente,  cando os axentes trasladan o grupo que permanecía retido no interior do  edificio aos vehiculos policiais (en torno ás 14:00) prodúcese unha  carga contra as persoas do exterior. Un axente sen identificar agarra un indivíduo (F.B.P.) e propínalle unha pancada no muslo esquerdo con resultado de hematoma. Outra persoa (A.V.G.) recibe tamén varios golpes a pesar de estar de costas aos axentes.
Sobre  as 16:00 horas algunhas persoas regresan á  Sala Yago e prodúcese unha  nova carga. Unha reporteira (R.A.P.), que realiza o seu traballo de  fotógrafa, é agredida por varios axentes e ten de ser trasladada en  ambulancia ao Hospital Clínico Universitario de Compostela.

(Ler Relatorio de EsCULcA e ANEXO)


Decembro


03/12/2011

  
Seis persoas da comarca de Lugo, A.Q.F, V.M.G.C, B.M.R, M.D.T.B., M.N.C. e M.B.F., son denunciados polo CNP acusadas dun delito de "injurias a las instituciones" pola colocación de cartaces solidarios con catro independentistas detidos en días anteriores. Algunhas delas son sometidas a inspeccións corporais.


17/12/2011


Un grupo de axentes da PL da Coruña, á paisana, agriden e deteñen un vendedor ambulante senegalés na rúa Real, suscitando coa súa brutalidade a reacción das persoas que presencian os feitos e recriminan aos axentes o seu comportamento.


18/12/2011


Cando a marcha e concentración que convocan anualmente varios colectivos de apoio ás persoas presas chega diante do cárcere de Teixeiro,  8 vehículos da GC e a Garda de Tráfico coas súas respectivas dotacións  están xa situados diante do penal e impeden que as persoas que  participan no acto reivindicativo podan aproximarse ou estacionar os  seus automóbeis na explanada do centro.
Un  axente da GC grava o grupo de persoas concentradas. Interrogado por  unha observadora de EsCULcA (Y.F.N.) se esta gravación está autorizada, o  axente contesta afirmativamente.
Outro individuo, este con uniforme de II.PP., toma fotografías do grupo.
Dúas  persoas que tentan entregar manifestos ao grupo de xente que observa a  concentración desde detrás do valado (presumibelmente familiares de  persoas presas), son identificadas e ameazadas por membros da GG ("estos  papeles te van a salir caros"). Os  axentes non portan a placa de identificación.Cando as observadoras de  EsCULcA R.V.M. e Y.F.N. lles fan notar a irregularidade do seu  comportamento, as respostas son burlonas: "Quieres que me desnude aquí?"  (axente posteriormente identificado co número J71581K). A seguir, no  que afirman ser,  "lóxica reprocidade" proceden a identificalas a elas.


22/12/2011


En Teo, o colectivo Siareir@s Galeg@s organiza unha manifestación en favor das Seleccións Deportivas Galegas que, a pesar do seu carácter pacífico e contar coa presenza de efectivos da Policía Local, é acompañada en todo momento por un dispositivo da GC cuxa desmesura provoca alarma na zona. Para autorizar o comezo da marcha, o xefe do dispositivo esixe falar con 10 persoas responsábeis  do acto e finalmente identifica directamente polo seu nome un dos asistentes (A.S.C.)  como único responsábel. Cando A.S.C. pregunta como é posíbel que o  axente coñeza os seus datos filiatorios, este contesta que dispón deles  por ter sido el quen reservou as instalacións municipais (sic).
Os  membros do equipo de observación de EsCULcA (F.B.A., A.L.C., L.G.B. e  E.S.P.) constantan o incumprimento xeneralizado da instrución 13/2007 e  cando comunican esta irregularidade ao axente que se presenta como xefe  do operativo, el si identificado (K8469G), este afirma que non lle  preocupan esas "tonterias" e esa noite "vai durmir tranquilo". Outro axente, que se nega reiteradamente a mostrar a placa, identifica os membros de  EsCULcA no que el considera "lóxica reciprocidade".
Dias antes a propia GC fixera xestións co concello para tentar que fosen denegados os permisos para a celebración dos actos programados no estadio municipal.

(Ler Relatorio de EsCULcA)


 

2012


Xaneiro


08/01/2012


A Policia Nacional detén en Ourense, e mais tarde a Guardia Civil na portaxe de Guadarrama (Madrid), o autocarro da  “Marcha ás Cadeas” organizada polo colectivo antirepresivo Ceivar. Nos dous casos son identificadas todas as persoas que se encontran no interior. Na portaxe de Guadarrama varios axentes encapuzados procuran intimidar as persoas que se expresan galego. O mando do operativo ameaza con deter por exaltación do terrorismo calquera persoa que mostre fotografias de persoas independentistas presas.


Marzo


08/03/2012


A Policía Local de Compostela identifica e ameaza con multar tres feministas que pretendían pendurar faixas relativas à mobilización do Día da Muller. As faixas son incautadas.



O colectivo Isca! denuncia que en diversas ocasións, e especialmente en Vigo, membros do CNP identifican militantes da súa organización por colocaren na rúa cartaces de diversas compañas e actividades.


15/03/2012

 
A Subdelegación do Goberno abre expedientes sancionadores a tres persoas (D.A.C. e outras dúas persoas sen identificar) que participaran nunha manifestación na zona do Obelisco da Coruña. Están acusadas de suposta exhibición de “obxectos perigosos coa finalidade de causar intimidación” (en realidade os mastros das bandeiras e os paus para levantar a faixa).


20/03/2012

  
Axentes  do CNP identifican e denuncian X.A.P., delegado da CIG, cando este  participa nunha protesta no interior da sucursal do banco Santander ubicada na rúa Michelena de Pontevedra.
Posteriormente,  en escrito do 06/07/2014, os axentes actuantes (CP 75531 e CP85244)  ratifícanse na denuncia mais, ao se detectar a non coincidencia das sinaturas entre a denuncia e a súa ratificación, a defensa de X.A.P.  solicita pericial caligráfica en sede xudicial. A perita do Tribunal  Superior de Xustiza de Galiza ditamina que as sinaturas foron realizadas  por persoas diferentes e o xulgado de Pontevedra absolve da sanción  X.A.P.
Presentada  denuncia perante o ministerio fiscal por posíbel falsidade documental  da policía, a fiscalía arquiva o caso sen proceder a investigación  algunha.


25/03/2012


Axentes da PL de Ferrol identifican as persoas que participan no acto poético con música e ofrenda floral en homenaxe a Carvalho  Calero que todos os anos convoca a Fundaçom Artábria diante da casa natal do escritor e filólogo . Os axentes interrompen a cerimonia.
O 29/05/2012 dous membros da Fundaçom Artábria  (E.L.D. e J.P.L.)  reciben notificación da Subdelegación do Goberno en que se lles comunica apertura de proceso  sancionador (por valor de 310€). Son acusados de cometeren "infracción grave" por supostamente  se  "abalanzaren" contra os axentes.


27/03/2012

 
A xuíza arquiva o caso contra o axente da PL que, en 6 de xullo de 2008, na Praza do Humor da Coruña, ferira dous mozos ao disparar ao chan por supostamente se sentir encurralado por un grupo de xovens. As persoas feridas foron procesadas como autoras dun alegado delito de atentado contra a autoridade.


28/03/2012


Na  praza de Vigo en Compostela, membros dun dispositivo de 3 vehículos do  CNP identifican e someten a inspección exhaustiva varias persoas que  portan un caldeiro de cola, unha vasoira e cartaces de propaganda da  Folga Xeral do día seguinte. Os axentes xustifican o seu comportamento  alegando a existencia de disturbios "noutros puntos da cidade".
Cando S.C.R pregunta  o motivo da identificación e solicita ver o número dun dos axentes este négase reiteradamente a mostrar a placa e ábrelle expediente sancionador.
S.C.R.  recorre a denuncia (150€). Na sentenza, de 28/04/2015, que deixa sen  efecto a sanción, a maxistrada sinala que na denuncia do axente parece  confundirse o exercicio de dereitos con desobediencia á autoridade.


29/03/2012

 

B.R,  operador de cámara da CIG, é reducido brutalmente e detido por membros da PN cando grava a actuación dun piquete nas inmediacións do centro comercial Alcampo de Vigo. Os axentes empúrranno atrás do furgón policial e confiscan e danan o material de traballo.  B.R. é transladado a comisaria e, como insiste en ser examinado por un  facultativo, é conducido ao Centro Médico de Coia onde é obrigado a  despirse en presenza dos axentes. A médica que o atende limítase a un  exame superficial e a recetar analxésicos. Unha vez posto en liberdade,  B.R. diríxese ao Centro Médico de Lopez Mora donde o derivan ao Hospital  Xeral. As radiografias mostran escordadura de ombro e pulso dereitos, o  que o obriga a permanecer de baixa laboral 3 semanas.
B.R. presenta denuncia contra os axentes por agresión. Os axentes presentan denuncia contra B.R. por resistencia.
A  policía nunca devolve a B.R. o cartón de memoria da cámara confiscada, a  pesar de o proceso xudicial rematar coa absolución para ambas as partes. Os axentes recorren a sentenza mais o recurso é desestimado.


Abril


28/04/2012


A Delegación do Goberno proibe por motivos burocráticos a manifestación convocada en Melide pola plataforma Fumigacións Non!, en contra das fumigacións masivas que a patronal do papel (Aspapel) pretende levar a cabo. A Delegación do Goberno alega a comunicación ter sido feita fóra de prazo.


Maio


10/05/2012


En Vigo axentes do CNP reteñen sete xoves e incoanlles expediente sancionatorio por participaren nun reparto de follas informativas da folga xeral estudantil convocada para ese dia.


18/05/2012


A Subdelegación do Goberno de Pontevedra notifica a BDS-Galiza a prohibición da concentración que  o colectivo tiña previsto realizar o dia 21/05/2012 na entrada do  Auditorio do Areal de Vigo, onde está programada  unha  palestra do  embaixador de Israel no Reino de España. Tamén neste caso a  Subdelegación do Goberno alega razóns de tipo burocrático (comunicación fora de prazo).


30/05/2012


Ás 02:30 da madrugada, axentes do CNP desaloxan con violencia un grupo de estudantes, incluída unha menor de idade, que permanecía encerrado na biblioteca municipal de Ourense para protestar contra os recortes no ensino público e a elitización da universidade.



O Xulgado do Penal Nº 2 de Vigo condena dous sindicalistas a 9 e 6 meses de cárcere por consideralos responsábeis dun delito de desordes públicas durante a folga do comercio desenvolvida no 27/11/2009.


Xuño


06/06/2012


Un veciño de Ferrol (A.C.) denuncia no xulgado de garda dous policías municipais que, na tarde do día anterior, o agrediran verbal e fisicamente na Biblioteca Municipal despois de un empregado de seguridade lle comunicar que non podía consultar Internet nos ordenadores do local municipal. O agredido afirma que se presentaron "dous axentes da policía local en actitude moi agresiva e dicindo 'te voy a dar unas hostias'". Denuncia que foi agarrado por un dos axentes mentres o outro o  golpeaba coa man aberta "na zona periauricular esquerda", como consta no  parte de lesións que acompaña a denuncia. Afirma non poder identificar os axentes por estes non portaren en lugar visíbel a placa de identificación persoal e se teren negado a comunicar o número. .


07/06/2012


Axentes  do CNP identifican todas as persoas que tentan entrar nos  Xulgados de Vigo onde comparecen A.A., secretario confederal de  Negociación Colectiva da CIG e J.A.G. traballador do metal, acusados ambos de  desordes públicas durante a folga do sector do metal de 2007. Os axentes impeden  pasar todas as persoas que non demostren ser avogada/os ou procuradora/es  ou documenten citación xudicial, o que provoca diversos incidentes.
Ao igual que o resto dos membros do dispositivo, a axente (núm. 73027), que parece estar ao mando do rigoroso cordón  policial, oculta o  número de identificación e, cando se lle fai notar esta irregularidade, responde iradamente. Como ven sendo habitual nestes casos, a persoa que  fai o requerimento (E.S.) é identificada de inmediato por axentes do CNP.


09/06/2012


A Subdelegación do Goberno de Pontevedra responde prohibindo expresamente, en apenas dous minutos, sen valorar o efecto sobre o exercicio do direito de reunión e manifestación, a notificación da concentración que o colectivo Cambados (tk) tiña previsto realizar en protesta pola decisión do Concello de erguer unha estatua a Manuel Fraga Iribarne nunha praza da vila.


Xullo


03/07/2012


O  Xulgado do Penal nº 1 de Pontevedra  condena tres sindicalistas (M.C. e  C.A. da CIG e C.B. de CC.OO.) a tres anos e un día de prisión pola súa suposta  participación nun piquete na folga de comercio e alimentación en 2009.
Posteriormente,  o 5 de decembro, a Audiencia Provincial de Pontevedra fai pública  sentenza en que absolve os tres sindicalistas. A sentenza recolle a  importancia de garantir o exercicio do dereito fundamental de folga,  unha de cuxas facultades é a publicidade, e de salvagardar o dereito a  presunción de inocencia, que estima afectado pola sentenza condenatoria.


11/07/2012


Na  Coruña, varias persoas son identificadas por policías de paisano hora e  media despois de se disolver unha manifestación pacífica contra os cortes sociais. A protesta, escoltada por un forte dispositivo policial,  tivera lugar diante da Delegación do Goberno e a sede do Partido  Popular.
A  finais de agosto, unha decena das persoas identificadas reciben  notificación de abertura de expediente sancionador por infracción grave (entre 300 e 30.000€) en que se lles imputa bloqueo da entrada á sede do  PP, corte de circulación e desobediencia á autoridade sen mais proba  que o depoimento de axentes do CNP, aos que resulta imposíbel  identificar por ningún deles levar en lugar visíbel a placa de número persoal.


19/07/2012


En Ourense ten lugar unha manifestación conmemorativa do Día da Pátria durante a cal non se realizan identificacións. Posteriormente numerosas persoas reciben notificación de sanción de 301 €  pola "celebración de reunións en lugares de tránsito público" e 100 mais por "alterar a seguridade colectiva ou orixinar desordes nas vías, espazos ou establecimentos públicos" . Entre as sancionadas están persoas que non participaron na  mobilización polo que todo aponta a que a Subdelegación do Goberno poderia ter aberto os expedientes sancionadores en base criterios como a vinculación a movimentos  sociais da cidade.
En Xullo de 2015, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza dita sentenza sobre o único recurso interposto perante esta instancia anulando a multa imposta a X.A.D. por os axentes do CNP non teren presentado proba algunha da súa participacion na mobilización, nen das desordes que supostamente se terian producido no decurso da mesma.


23/07/2012


O TSX pronuncia sentenza favorábel, estimando o recurso interposto pola organización xuvenil Briga contra a Resolución da Subdelegación do Goberno da Coruña que prohibía a manifestación que o colectivo tiña previsto realizar en Compostela o serán do día 24. A Subdelegación prohibira a manifestación en dúas ocasións alegando que o  percorrido e horarios comunicados coincidian con grandes aglomeracións de persoas, sen que a proposta do grupo convocante de  modificar percorrido e horario tivese sido tida en conta para rectificar a  resolución.


24/07/2012 e 25/07/2012


EsCULcA divulga un comunicado en que mostra a súa preocupación polo que cualifica como un "Estado de Dereito de baixa intensidade" e anuncia a formación de equipas para observar o desenvolvemento dos actos previstos para os días 24 e 25 en Compostela.


Agosto


06/08/2012


Diante da residencia vacacional en Cambados do presidente do goberno español, Mariano Rajoy, tres membros do seu corpo de custodia piden documentación aos xornalistas de El Correo Gallego que agardan a saída da comitiva presidencial e obrígannos a se afastaren do lugar,  impedíndolles exercer o dereito de información. Para acelerar a marcha,  ábrenlles paso nunha das vias de acceso por dirección prohibida. O vehículo dos xornalistas é  perseguido por un automóbil camuflado ocupado presumivelmente por persoal do servizo de seguranza presidencial..


13/08/2012


Catro  axentes do CNP reducen violentamente e deteñen R.E., reporteiro gráfico  do Diario de Pontevedra, cando este fotografa a chegada de deportistas procedentes de Londres ao aeroporto de Vigo. Testemuñas presenciais  protestan e aseguran descoñecer a razón que puido provocar a violenta  actuación dos axentes. Finalmente, R.E. é posto en liberdade acusado dos delitos de desobediencia e atentado a axente da autoridade.

J.G., testemuña presencial dos feitos, que recrimina aos axentes o seu comportamento, recibirá posteriormente (31/01/2013) notificación de multa, por valor de 600€, como suposto autor dunha falta grave.


14/08/2012


Ás  13 horas ten lugar unha concentración diante da Subdelegación do  Goberno en Pontevedra en protesta pola detención e posterior xuizo do  fotorreporteiro R.E. O Colexio de Xornalistas anuncia que enviará queixa formal á Delegación do Goberno pola violenta detención do reporteiro cando cubría a chegada de atletas galega/os ao aeroporto de Peinador (Vigo) e solicitará entrevista persoal co seu titular. Afirma non ser esta a  única ocasión nos últimos meses en que se vé obrigado a se dirixir á  institución "por motivos similares".
A Asociación da Prensa da Coruña (APC) tamén fai público un comunicado con críticas á actuación policial na detención de R.E.


Outubro


03/10/2012


O Xulgado de Instrución número 1 de Ferrol impón unha multa de 90 euros a cada unha das persoas da Asemblea de Desempreg@dos de Ferrol (ADF) identificadas por axentes do CNP como participantes nunha acción simbólica o 6 de xuño. A acción consistira en expropiar alimentos de primeira necesidade dun supermercado e non puidera ser concluída pola chegada da policia. O valor dos alimentos sustraidos ascendía a 25,37 euros.


04/10/2012


En  Ferrol, axentes do CNP cargan violentamente contra unha concentración  de traballadores do naval que protestan diante do hotel Almirante, onde o  PP dá comezo à súa campaña electoral. Varios manifestantes resultan  contusionados e feridos, entre eles un con minusvalía física e X.A.L.P., secretario comarcal da CIG de Ferrol, que é levado a comisaria cunha fenda na cabeza. Alí é espancado e insultado ("a estos hijos de puta les vamos a dar bien") sen recibir atención médica a pesar de solicitalo expresamente varias veces. Finalmente, despois de varias tentativas, o avogado de X.A.L.P. é autorizado a comunicar con el.
X.A.L.P. presenta denuncia por torturas contra os axentes actuantes.
Posteriormente, Samuel Juárez, delegado do goberno español en Galiza, xustifica as actuacións policiais, o que é fortemente criticado por varios sindicatos (CIG, CC.OO, UGT e USTG).
En  setembro de 2014, a fiscalía pede para X.A.L.P. pena de 2 anos e 9  meses de prisión, con inhabilitación especial para exercicio de dereito  de sufraxio pasivo durante o tempo da condena, por un delito de atentado  e unha falta de lesións; 20 días de multa, con 7€ diarios, e unha  indemnización de 840€ por lesións a un axente de policía.
O xulgado de instrución núm. 3 de Ferrol arquiva a causa, unha decisión que X.A.L.P. recorre en xaneiro de 2013. Posteriormente, en xuño de 2015, a Audiencia Provincial da Coruña emite un auto polo que obriga o xulgado a reabrir as dilixencias e investigacións con respecto a denuncia de X.A.L.P. por torturas.


19/10/2012

 
A policía carga ás portas do pavillón dos Remedios de Ourense, onde se celebraba un mítin do Partido Popular, contra persoas afectadas polas participacións preferentes e estudantes que acudiran á convocatoria do colectivo Estudantes sen Futuro para protestaren polas políticas educativas PP.
O  fotógrafo Óscar Pinal publica varias fotografias con imaxes de  estudantes con fortes hematomas. Unha moza ten de ser atendida no  hospital da cidade por golpes no pescozo.


27/10/2012

 
Nun bar das proximidades do estadio de Balaídos, ao finalizar o partido  Celta-Deportivo, axentes do CNP espancan brutalmente un home, presumivelmente inmigrante.
D.V.V., que observa a violenta actuación  policial, procura axudar a vítima é tamén agredido violentamente. Tenta fuxir mais os axentes deitanno no chan e propínanlle pontapés na cabeza. A seguir métenno nun vehículo policial,  translándanno primeiro a un centro médico para ser examinado e despois  ao hospital para facer placas. Posteriormente é conducido aos calabouzos  da comisaría de Vigo onde, despois dunha inspección corporal, é  encerrado nunha cela. Cando un avogado pede para falar con el contestan  que ainda non está en comisaria e posteriormente non o avisan da súa  chegada.

A vítima grava e fai pública a agresión no seguinte vídeo.


Novembro


07/11/2012


Testemuña presencial denúncia que un policía de paisano obrigou un siareiro no Multiusos Fontes do Sar, no partido Obradoiro-Cajasol, a retirar a bandeira que pendurara nun dos valados do recinto sob ameaza de lle impor unha multa  de 3.000€.
O  afectado afirma que a Delegación do Goberno confirmou aos seus avogados  non existir ningunha lei que prohiba exhibir esa bandeira en  espectáculos deportivos, explicando que a decisión está en maos do  operativo policial correspondente.



14/11/2012

Xornada de folga xeral.

 
Ourense
08:00 horas. Uns 20 axentes da G.C. empurran os membros dun piquete informativo para tentar impedir a súa actuación nas proximidades do acceso ao Parque Tecnolóxico.
Un dos axentes (posteriormente identificado a instancias dos sindicalistas  co núm. U 37692 V) bota mao á cartucheira, procede a desabotoala e  agarra a empuñadura da pistola facendo ostentación da mesma en atitude intimidatoria e ameazante. Os axentes non levan o número de identificación persoal en lugar visíbel.
Posteriormente, os sindicatos CIG e CCOO presentan denuncia na Subdelegación do Goberno  español en Ourense pola actuación do axente e o incumprimento da  Instrución 13/2007
 


Compostela
 08:30.  Na segunda rotunda do Polígono de Tambre, un axente aproxímase de  V.M.S., membro dun piquete informativo, de 60 anos de idade, que está na  mediana da estrada sem dificultar o tránsito de vehículos. O axente cólleo con forza  polo brazo e, cando o sindicalista lle fai notar o inapropiado da súa  actuación e lle indica que onde está situado non ocasiona problemas, o  axente propínalle, por detrás, tres pontapés nas  pernas.
X.P.P. é identificado pola Policía Nacional cando participa nun piquete informativo no Polígono Empresarial do Tambre, en Compostela. Dous compañeiros (N.R. e A.L.R.) aproxímanse para interesarse polas  razóns da identificación e son de inmediato obrigados a se identificaren  tamén. Semanas máis tarde reciben notificación de sanción por "desobedecer reiteradamente as instrucións dos axentes, cortando o tránsito rodado reiteradamente".
En  xaneiro de 2013 os tres reciben notificacións de multas por valor de 90€ e en setembro, ainda sen  resposta ao Recurso de Alzada interposto diante do Ministro do Interior,  chégalles notificación da Axencia Tributaria reclamando o pagamento  pola via de prema, con recargo do 20% (18€).



Coruña
13:00.  Axentes do CNP deteñen 6 persoas que corean consignas críticas coa  actuación de alguns dos sindicatos convocantes da marcha que decorre da  Palloza á Praza Maria Pita.
Segundo  testemuñas presenciais, na detención de dúas delas (H.H. e X.V.) os  axentes recorren a uso de forza desproporcionada. As dúas son postas en  liberdade na mañá do día seguinte imputadas por atentado e coaccións á  folga respectivamente. As catro restantes saen en liberdade sen cargos  esa mesma tarde.


19/11/2012


Axentes do CNP inspeccionan unha imprenta de Pontevedra na busca das copias dun cartaz crítico co goberno de Feijóo con orde de as confiscaren. Os axentes levan tamén orde de paralizar as rotativas. Simultaneamente,  outros axentes acoden a dúas empresas de transporte da  Coruña para paralizar a distribución do pasquín, aínda que a maioría deles xa foran distribuídos.
A orixe da intervención policial é unha denuncia presentada polo Partido Popular (PP) ante a Xunta Electoral.


25/11/2012


Nova  denuncia por non se permitir a exhibición de estreleiras no Multiusos  do Sar de Compostela. No partido Obradoiro - Gran Canaria, un membro do  servizo de seguranza tenta retirar a bandeira que exhibe X.C.  Posteriormente chegan varios axentes do CNP xunto co responsábel da  seguranza do recinto. Todos insisten en retirar a bandeira argumentando  que a estrela vermella da bandeira incita á violencia.


29/11/2012


Catro  activistas de BDS-Galiza (I.B., R.S., I.R. e E.S.) son identificadas por axentes do CNP cando reparten información diante do establecemento  que Imaginarium ten aberto na rúa Alfredo Brañas de Compostela. Ao  faceren notar aos axentes a irregularidade desta esixencia pois a actividade fora debidamente comunicada, estes afirman obedeceren "ordes  da superioridade".
Todos,  salvo o responsábel do operativo, néganse a mostrar o seu número de  identificación persoal. "Lo perdí", afirma un. "Aquí trabajamos así",  di outro que oculta o seu coa man.
O 18 de decembro as 4 activistas identificadas presentan denuncia contra os axentes.


30/11/2012


Despois  de seren obrigadas por axentes policiais a retirar unha bandeira galega con estrela nun partido do Obradoiro CAB e non se lles permitir días despois entraren con ela no recinto, persoas afectadas pola prohibición anuncian publicamente que estudan recorrer á vía xudicial.  Representantes do clube  aseguran que a decisión é dos Corpos e Forzas  de Seguranza do Estado. "Nunca houbo problemas deste tipo, a restrición  ven por parte da policía  que nos asegurou que poderíamos ter unha multa  se non se retiraban as  bandeiras".


Decembro


15/12/2012


E.A.S. é agredida por axentes da Policia Municipal de Vigo no decurso dun control de horarios no Centro Social A Revolta. A agresión acontece cando E.A.S. pergunta aos axentes os motivos polos que obrigan o seu compañeiro a sair do local, momento en  que ela tambén é empurrada, espancada e alxemada. Dous dias depois, é  atendida polas lesións sofridas no servizo de urxencias, que emite un  parte confirmando a violencia das agresións. E.A.S. formula denuncia a  raiz da cal un dos axentes será condenado no 16/01/2014 por unha falta  de lesións.


27/12/2012

  
O Alcalde de Verín, Jiménez Morán, esixe á CIG a retirada de catro faixas críticas coa sua xestión, cuxa instalación fora previamente autorizada. Alega que o contido non se axusta ás taxas municipais cobradas polo Concello (sic).
En  2011 o rexedor fora condenado polo Xulgado Contencioso de  Ourense por  violación dos "dereitos expresión e liberdade sindical" ao impedir ao  mesmo sindicato o uso de megafonía para publicitar unha convocatoria de  folga  xeral.


2013


Xaneiro


09/01/2013


L.A.A. é identificada en Compostela por axentes do CNP como convocante dunha concentración en solidariedade cun activista detido. Os axentes atribuenlle así mesmo a responsabilidade  dos incidentes acontecidos mais tarde en diferentes puntos da cidade.
Posteriormente recibe notificación de abertura de procedemento sancionador por un total de 5.000 €.



En Ourense, A.G.F. é identificado  unha vez rematada a concentración solidaria co activista detido H.M.  ese mesmo día. A.G.F. pregunta aos axentes a razón da súa identificación  e é denunciado por unha suposta infracción da Lei Orgánica sobre Protección da Seguridade Ciudadá (LOPSC).


10/01/2013


Duas persoas son agredidas por axentes dunha patrulla da Policía Municipal de Compostela ás 4 da madrugada cando camiñaban en compañía doutras persoas pola na rúa Virxe da Cerca. Despois de lles pedir identificación sen mediar motivo algún que xustificase a medida, un dos axente empurrou unha das mozas do grupo cando esta comentou en voz alta “sempre igual” e, ao ouvir que R.V. preguntaba “Vesnos agredir por camiñar pola rúa?” o mesmo axente tentou inmobilizarlle a man e fracturoulle catro falanxes en diferentes dedos. Nese momento sumouse ao dispositivo unha patrulla do CNP que conduciu unha das mozas do grupo á comisaria. O resto do grupo dirixiuse tamén a comisaria. RV tentou presentar denuncia por agresión, o que non foi posíbel por os axentes do CNP negarense a tramitala alegando carencia de parte médico.
RV foi posteriormente atendido no Hospital Clinico de Compostela, onde foi emitido un parte en que se constata a fractura de varias falanxes. O Departamento de Cirurxía do mesmo hospital emitiu dous días máis tarde un diagnóstico completo da situación. A lesión impediu RV exercer a súa profisión, músico e luthier, durante varios meses con perigo de secuelas permanentes.
RV presentou denuncia nos Xulgados de Compostela o 03/02/2013 e solicitou ao Concello a identificación do agresor.


16/01/2013


Queremos Galego denuncia que o Concello de Compostela lles esixe o depósito dunha fianza de 600 euros antes de autorizar a instalación da infraestrutura necesaria para o acto final da manifestación convocada para o 27 de xaneiro. Lembra que en maio do ano anterior xa gañara un recurso contra o Concello por esta mesma esixencia.


17/01/2013


O Concello de Compostela esixe ao colectivo organizador da Xuntanza Antiprohibicionista de San Kanuto unha fianza de 1.200 euros para  poder utilizar a Carballeira de Santa Susana. Rompe así o compromiso de  excluir do pagamento de taxas e fianzas para a utilización da  vía  pública as entidades sen ánimo de lucro. Nos 12 anos  anteriores a Xuntanza celebrárase sen problemas.


Febreiro


06/02/2013 e 07/02/2013


Axentes  non uniformados entran na Biblioteca Nodal de Ourense onde está  encerrado un grupo de estudantes en protesta contra a Lei Wert. Máis tarde, en torno  às 23:00 horas, chegan 20 axentes da P.A. con equipamento anti-disburbios e comunican ao grupo de estudantes que teñen orde de despexar o recinto. O/as  estudantes oferecen resistencia pasiva e os axentes lévano/as de rastro e  ameazan unha menor: "a ti te conocemos de sobra, eres la peor, si te  cojemos sola te vamos a matar".


09/02/2013


Antes do partido Lugo-Sporting, os seguidores Ultraboys do Sporting de Xixón chegan ao estadio Anxo Carro escoltados por axentes do CNP. Uns 20 siareiros do Lugo son identificados e postos contra a parede sen motivo visíbel algún. Días despois un deles é detido por un suposto delito de danos, cando os axentes non presentaran denuncia algunha.


18/02/2013


Axentes  anti-disturbios cargan na rúa Padre Feijóo da Coruña contra activistas  que se opoñen ao despexo de Aurelia Rey da súa vivenda. Cando a  concentración xa está en vias de disolución por ter sido anunciada a suspensión da  medida, prodúcese unha carga violenta en que resultan fortemente  espancados os portavoces municipais do BNG e EU (X.M.C. e C.S.) e o  portavoz parlamentar do BNG (F.J.).
O 27/03/2013 a Delegación do Goberno abre proceso sancionador a F.J..
O 04/09/2014 F.J., X.M.C., C.S., P.C. (secretario comarcal da CIG) e R.R. (o bombeiro que se negara a executar o desafiuzamento) son expedientados pola Subdelegación do Goberno na Coruña por participaren  na protesta.
O 31/10/2014 o xulgado do contencioso-administrativo da Coruña condena a Subdelegación do Goberno por vulneración do dereito de defensa e de liberdade de expresión e o dereito de reunión do portavoz parlamentar do BNG , F.J., ao demostrarse que o organismo público dera instrucións á policía para facer denúncias políticas  non baseadas na protección da seguranza cidadá.
O 11/11/2014, o xulgado do contencioso-administrativo núm.4 da Coruña desestima o recurso apresentado por R.R. e obrígao a pagar unha multa de 600 euros por  "infraccón administrativa" e "provocación de reaccións no público que  alteran ou poden alterar a seguridade cidadá" ao negarse a colaborar na expulsión de A.R. da súa vivenda.
O 10/07/2014, X.M.C., F.J. e C.S. son xulgados nunca causa que, segundo as defensas dos acusados, fora aberta por eles teren solicitado o número de placa a un policía que previamente os identificara.


24/02/2013


A.P.C., sindicalista da CIG, é xulgado en Ourense por inxurias, ameazas e coaccións.
Os  feitos que se lle imputan refírense aos lemas e consignas proferidas  polos traballador@s de Amencer Reciclado en diversas concentracións  celebradas diante do domicilio do administrador da empresa, todas elas  comunicadas á subdelegación do Goberno. A policía presente nas protestas  non levantara atestado en relación aos feitos obxecto da denuncia nin practicara medidas identificatorias entre as persoas que participaban na  concentración, o que parece indicar que a identificación de A.P.C. como  participante se produciu por vias irregulares.


26/02/2013


Nunha concentración diante do Parlamento un axente do CNP ameaza unha moza (IAG) con a sancionar "dúas veces" por ela lle pedir ver o seu número de  identificación. Previamente algunhas das persoas congregadas no lugar,  ao comprobaren o xeneralizado incumprimento da instrución 13/2007, demandaran mediante megafonía aos axentes que se identificasen, demanda que só responderon positivamente algúns dos membros do dispositivo  policial.
Posteriormente a xoven ameazada presenta denúncia, que é arquivada a pesar da contundencia das probas. O axente tamén presenta denuncia.
O 13/05/2013, EsCULcA presenta escrito xunto do Valedor do Pobo solicitando a tramitación de queixa pola actuación do axente.
O 21/05/2013 o Valedor comunica a EsCULCa a admisión a trámite da queixa.
O 03/05/2014, A Unidade de Réxime Disciplinario da División de Persoal da Dirección Xeral da Policía  arquiva a investigación aberta.
O Movemento polos Dereitos Civis anuncia que porá o feito en coñecemento  do Congreso dos Deputados para que este valore a actuación do organismo


28/02/2013


Trece integrantes das plataformas de persoas afectadas pola compra de preferentes e subordinadas (X.V.G.,  M.R., E.D.V., A.B.A., A.M., D.V.F., A.A., F.A., M.M.G.M., C.S.C.,  J.L.O.P., E.S.R., J.F.F.), son sancionadas pola Subdelegación do Goberno  de Pontevedra con multas de 600€, acusadas de provocaren desordes, realizaren manifestacións non autorizadas e inxuriaren axentes policiais en diferentes lugares (Mos, Tui, Mondariz ou Baiona). Moitas das persoas xulgadas non foron identificadas polos axentes nos lugares en que alegadamente terían sido cometidas as faltas.
Posteriormente, con data 01/12/2014, o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra emite sentenza favorábel ao recurso presentado contra as sancións.


Marzo


08/03/2013

  
A Fiscalía da Audiencia Nacional (AN) acusa  tres persoas  (M.B.F., J.D. e C.L.) de "enaltecemento do terrorismo" por apareceren nun video conmemorativo do sétimo ano de actividade do centro social Aguilhoar de Xinzo de Limia portando fotografías de persoas independentistas presas. Dase a circunstancia de que no momento de gravación do video esas persoas ainda non foran xulgadas nen, por tanto, condenadas por pertenza a organización terrorista.


23/03/2013


J.F.F. é identificado por axentes policiais nunha concentración no recinto en que se celebra a Semana Verde de Silleda, organizada pola plataforma de persoas afectadas calote das preferentes.
Posteriormente recibe notificación de Sanción da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.


Abril


03/04/2013


E.D.V. é identificado por axentes policiais diante do Concello de Tui, onde participa nunha concentración de preferentistas a que se prohibira asistir ao pleno municipal.
Posteriormente recibe notificación de sanción (multa de 100€) por "orixinar desordes leves" e finalmente é absolvido.


04/04/2013


Membros  da Plataforma de afectados polas preferentes e suboordinadas do Baixo  Miño acoden ao pleno do Concello de Baiona. Despois de negociaren coa policia, os axentes permiten a entrada de X.V.G., mais ao pouco tempo é expulsado do pleno, o que provoca unha discusion cos axentes. É  denunciado e sancionado com unha multa de 200€ por “desordes e  desobediencia”.


05/04/2013


En Mondariz Balneario, axentes do GC impeden a celebración dunha  concentración de preferentistas e identifican como promotores M.R. e  J.L.O.P. Os axentes empurran e deitan ao chao varias persoas, algunhas  de avanzada idade.                                 
Como consecuencia desta actuación dúas persoas teñen de ser transladadas en ambulancia a un centro médico, e unha terceira sofre suba de tensión e derrame nun ollo.
Posteriormente, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra sanciona M.R. e J.L.O.P. cunha multa de 500€. Tamén sanciona X.V.G., igualmente como promotor da concentración, cunha multa de 500€, ainda que, como o propio denunciado documenta, ese día pasara toda a mañá nunha corredoria de seguros e nunha sucursal bancaria en Vigo.  


24/04/2013


P.M.P. é detido en Compostela, acusado de participar nos incidentes acontecidos no mês de Xaneiro após unha concentración de denuncia polo apresamento de H. M.. En canto uns axentes proceden a revisar o seu domicilio, outros identifican persoas reunidas na rúa e deteñen un home.
O 28/01/2014 serán xulgadas en Compostela dúas persoas acusadas de “agresións” e “desordes” alegadamente producidas durante unha concentración solidaria con P.M.P


25/04/2013


Axentes do CNP identifican dúas persoas que exhiben nunha manifestación celebrada en Ourense fotografias de persoas en situación de prisión preventiva.
O 20/06/2013 a Audiencia Nacional abre dilixencias e o 08/11/2013 o xuiz Ismael Moreno Chamarro, do Xulgado de Instrución núm. 2, arquiva a causa.


Maio




Axentes do CNP identifican cinco militantes de Isca! en Vigo cando elaboraban un mural. Incautan abundante material e ameazan con abrir procedemento sancionatorio.


19/05/2013


X.V.G. membro da plataforma do Baixo Miño, participa en apoio da Plataforma de Persoas Afectadas polas Preferentes nunha concentración convocada na Praza da Constitución da Estrada com motivo da “Festa do Salmón”. Posteriormente a Subdelegación do Goberno de  Pontevedra notifícalle abertura de expediente sancionador (multa de 500 €) por supostamente ser el o “promotor e organizador” desta  protesta.


22/05/2013


M.R. participa nunha concentación de persoas afectadas polas preferentes diante do Concello de Baiona despois de a alcaldia impedir a entrada de público ao pleno.
Posteriormente é sancionada pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra cunha multa de 500€ por alegadamente ser “dirixente e portavoz” da concentración.


26/05/2013


No  exterior das instalacións do IFEVI de Vigo, onde un grupo dunhas  duascentas persoas protestan contra o proxecto comercial que pretende  aprobar a Comunidade de Montes de Cabral, prodúcese unha avalancha  humana que provoca a abertura das portas. Observando que os  axentes están visibelmente nervosos, un dos veciños (B.A.P.) tenta acalmar os ánimos e como  resposta, un axente do CNP propínalle varias puñadas e procede á súa  detención e á doutro home (X.R.P.)
Os  detidos son alxemados e trasladados a un cuarto do IFEVI á espera de  seren transferidos á escuadra policial. Ali, coas maos alxemadas nas  costas e perante a pasividade doutros membros do CNP son agredidos a  pontapés e pisotóns por un axente que se encontra en estado de grande  excitación. Ao ouviren os berros dos agredidos, varios comuneiro acoden a  interesarse pola súa situación
O 27/05/2013, B.A.P. e X.R.P. presentan denuncia no Xulgado de Instrución número 3 de Vigo contra os axentes do CNP por alegado delito de tortura e falta de lesións e mal trato.


30/05/2013


Perante a decisión da alcaldía de Tui de impedir a entrada do público ao pleno, preferentistas afectados polo calote bancario concéntranse nas portas do concello.
Posteriormente a Subdelegación do Goberno en Pontevedra imporá sancións administrativas de 600€ a polo menos 11 persoas acusadas de participaren na concentración e inflinxiren o artigo 23 da L.O. 1992 de Seguranza Cidadá.
Un dos preferentistas, X.V.G., é sancionado a maiores cunha multa de 500€ ao ser identificado por axentes da GC como "promotor e organizador" da concentración.
Por estes feitos celebrarase xuizo o 17/03/15, e na sentenza emitida o 30/03/15 o Xulgado do Contencioso Administrativo Nº2 de Pontevedra anula todas as sancións e impón o pagamento dos custos a Administracion.


Xuño


02/06/2013


Cuatro persoas son citadas a declarar ante a Audiencia Nacional por portaren fotos de presos independentistas en situación de prisión preventiva nunha manifestación contra a minaria celebrada en Compostela.


03/06/2013
 

No Rosal, perante a decisión da alcaldía de prohibir a entrada do público ao pleno, persoas afectadas polo calote das preferentes realizan unha concentración nas portas do concello.
D.V., octoxenaria que necesita andador para se desprazar, será multada posteriormente pola Subdelegación do Goberno por participar na concentración acusada de "desouvir os axentes e  tentar penetrar no interior do Concello ata en tres ocasións", asi como  de "alterar a orden pública e comportarse de maneira agresiva, arengando  as demais persoas a entraren no Concello".
Con data 30/04/2015, o Xulgado Nº3 do Contencioso Administrativo de Pontevedra emite sentenza aceptando o recurso da defensa de D.V., e condenando a administracion a devolver o importe da multa mais os xuros.


03/06/2013 a 10/06/2013


Ao longo desta semana a plataforma de persoas afectadas polas preferentes convocan varias concentracións diante da Casa do Concello do Rosal.
Posteriormente a  Subdelegación do Goberno en Pontevedra imporá sancións  administrativas a A.B.A.G., A.A.G., F.A.F, M.M.G.M, A.M.P. e outras persoas (non identificadas) por proferiren berros coa intención de "pór a xente concentrada en contra  da policia" que procedeu a disolver a protesta.
Pola súa parte o concello impón sancións a varias persoas:  A.B.A.C. é multada por "empregar sinais acústicos sen motivo regulamentariamente admitido", e por "colocar unha mesa e tres cadeiras sobre un paso de peóns". Desta segunda infracción tamén e responsabilizada e multada M.M.A.C.
A.A.G., M.M.G.M, M.M.P., A.M.P., X.V.G e A.B.A.C son sancionados por "non utilizaren o cinto de seguridade" cando marchan nos seus automóbiles unha vez rematada a concentraçom..


15/06/2013


Após unha manifestación convocada por Ceivar en Compostela en defensa dos dereitos de persoas presas, varios individuos son interceptados, insultados e empurrados por axentes do CNP. Posteriormente, os axentes identifican tres persoas, dúas delas menores de idade. A marcha da protesta decorrrera acompañada en todo momento por un dispositivo policial (UIPs) desproporcionado e a presenza constante dun helicóptero.


21/06/2013


A raiz da denuncia presentada por un garda do servizo de seguranza da Reitoría da Universidade de Santiago de Compostela, 11 persoas son chamadas a declarar por supostos delitos de "desordes públicas, danos e lesións" durante a manifestación universitaria do 14 de marzo contra os recortes en educación.


24/06/2013 - 25/06/2013 - 26/06/2013

  
Son citados na AN cinco menores de idade a quen se acusa de enaltecemento do terrorismo por exhibiren fotografías de independentistas en situación de prisión preventiva durante a manifestación do 1 de Maio en Ourense.
Entre o 10/07/2013 e o 15/07/2013 declaran por exhorto da AN nos xulgados 2º e 3º da cidade en calidade de imputados. O 17/07/2013 a AN arquiva a causa.


28/06/2013


Axentes da Policía Local de Tui espancan un manifestante con minusvalía psíquica dun 63% durante unha concentración convocada polas Plataformas de persoas afectadas polas participacións preferentes.
A concentración tiña lugar diante dos Xulgados e fora convocada en solidariedade con dous imputados  por desacato aos que denunciara anteriormente a propia Policía Local,  un deles, X.V., por chamar "gorila" un axente, e o outro en tratamento  psicolóxico.  A acusación pedía multas entre 200 e 2000 €.


Xullo


03/07/2013


No  Rosal, axentes da Garda Civil denuncian D.V.F., membro da Plataforma de  Afectados polas Preferentes do Baixo Miño, por supostamente saltar un cordón policial e facer ruído cunha  trompeta na concentración en protesta pola estafa bancaria diante do  concello.
D.V.F.  ten 82 anos, osteoporose nun xeonllo, reumatismo e artrose cervical e  necesita axudarse dun aparato ortopédico para poder andar.
Posteriormente D.V.F. recibe notificación de sanción (dúas multas de 100€ cada unha).
En abril de 2015, o Xulgado do Contencioso Administrativo de Pontevedra resolve a favor do D.V.F. o recurso contra as sancións.


13/07/2013


E.S.R.  é identificada nunha concentracion de afectadas polas preferentes na  Praza do Calvario do Rosal, portando unha eixada e un pau para facer  ruido. Posteriormente receberá sanción de 100€ da Subdelegación do  Goberno en Pontevedra, que considera a ferramenta de traballo un  "obxecto contundente", e interpreta a negativa de E.S.R. a abandonar as ferramentas como desobediencia aos axentes (infracción do artigo 26 da Lei de Seguranza Cidadá).


23/07/2013


O Concello de Compostela denega a Nós-Unidade Popular, dous días antes da data prevista para a celebración do xantar popular que realiza todos os anos (25/07), a utilización dos xardíns de San Roque. A solicitude de permiso fora rexistrada con varias semanas de antecedencia  e en dúas ocasións previas o concello alegara ter perdido o documento  para xustificar a demora en responder a solicitude.


24/07/2013


18:00 horas
Na cadea humana convocada polo colectivo Ceivar en solidariedade con militantes independentistas en prisión, obsérvase como os axentes das  UIPs que forman o dispositivo policial (15), todos eles con equipamento  anti-disturbios, incumpren a Instrución 13/2007 da Dirección Xeral de  Seguranza referente a identificación das Forzas Policiais.
Na  manifestación posterior, o dispositivo policial aumenta até alcanzar  unha envergadura por completo desproporcionada dado o carácter pacífico  da marcha. Na intersección da Rúa da Conga coa do Preguntoiro, por  exemplo, a pesar da angostura das vias, sitúanse 14 axentes provistos de  escudos.
Finalizada  a marcha na Praza do Matadoiro, un grupo de axentes situados na entrada de Casas Reais identifica e inspecciona sistematicamente as persoas que tentan acceder á zona istórica e se expresan  en galego e/ou portan bandeiras ou exhiben algún tipo de simboloxía nacionalista. Dúas delas (M.G.N e A.S.P.) son tamén identificadas en catro ocasións ao longo da noite mentres pasean polo casco histórico da cidade.



20:20 horas
A  manifestación convocada polas organizacións xuvenis Adiante, Agir, AMI,  Briga, Comités, Galiza Nova, Isca! e Liga Estudantil Galega é precedida  e escoltada por un elevado número de axentes das UIP da PN que forman  un cordón dobre en ambos os laterais.
Tamén  se aprecia a presenza de axentes nas interseccións de várias rúas,  todos eles con equipamento anti-disturbios e a maioria con escudos, sen  que nada na actitude das persoas que participan na manifestación  xustifique un dispositivo de tal magnitude.
Ás  20:55 unha vintena de números das UIPs situados no lateral da Praza do  Toural que comunica coa Rúa do Vilar impiden a entrada e saída de  persoas ao lugar en que remata a manifestación. Os axentes exhortan os  membros do servizo de orde da manifestación a impediren tamén eles o  tránsito do Toural á Rúa do Vilar.
Máis  tarde permiten transitar persoas que non exhiben ningún tipo de  simboloxía nacionalista, mais continúan impedindo o paso a aquelas que  si a levan.


Agosto


09/08/2013


En Guitiriz varias persoas reciben notificación de proposta de sanción por participaren nunha mobilización o 21/05/2013 en contra da reabertura ao tráfico dunha rúa declarada  peonil. O total das sancións ascende a 4000€, a mais elevada, a que  se impón a A.L, militante do BNG, que ascende a 1500€. O resto oscila  entre 200 e 250€ cada unha.
Posteriormente son retiradas todas as propostas de sancións menos a da de A.L., que presenta recurso.


11/08/2013


Membros  da BPSC da Coruña confiscan na Ronda de Nelle diverso material de  propaganda da  organización xuvenil BRIGA e o centro social A Gentalha  do Pichel a un xoven (I.B.M.) despois de  inspeccionaren sen autorización o seu vehículo. Os axentes identificaran previamente I.B.M., xunto con outros dous  mozos (X.R.S. e T.C.B.), como suposto autor dun grafitti aparecido nunha parede da propia  Ronda. Un dos axentes afirma que "calquera  cousa que haxa no coche que me suxira que estás en Briga sérveme para  fundamentar a denuncia de que ti estabas a pintar esa parede".
Como  suposta xustificación para confiscar o material, o axente que procede á  inspección irregular do vehículo dá unha explicación sorprendente: "nos  sirve para instruirnos".
 

24/08/2013


No Alto da Groba, Baiona, 2 militantes do BNG (M.C. e X. M.M.)  son  retidos e identificados por pintaren na estrada o lema "Galiza Nación" ao remate dunha das etapas da “Vuelta Ciclista a España". Os axentes non levan a cabo ningún tipo de intervención no  caso das numerosas pintadas con lemas non nacionalistas que se  realizan ese mesmo día no mesmo lugar.
No 20/03/2014 M.C. comparece no Xulgado de Paz de Baiona e é absolvido.


28/08/2013


Dous veciños da Baña, 1 militante do BNG (X.M.) e outro de Galiza Nova (S.P.) , son identificados pola GC no percorrido de "La Vuelta" ao exhibiren faixas coa lenda "Freedom for Galiza" e "Galiza is not Spain" na barraxe do Alto do Ézaro.


Setembro


04/09/2013


Nunha das entradas do estadio de San Lázaro, onde Celta e Compostela celebran un partido amigábel como acto homenaxe ás vítimas do accidente de Angrois e ás veciñas e veciños do lugar, axentes do CNP obstaculizan o paso a varios siareiros composteláns que portan bandeiras estreleiras ou vesten camisolas con estrelas vermellas estampadas na parte frontal.


05/09/2013


Os colectivos Queremos Galego e a Plataforma pola Defensa do Dereito ao Aborto informan que recibiron notificación de denuncias policiais polas que poden ser sancionados con multas de até 600 euros. No caso de Queremos Galego a notificación vai dirixida a M.M.E., vocal da entidade, por supostamente esta carecer de personalidade xurídica (o que é falso).
Na denuncia, sonlles atribuídos "destrozos" ocasionados en manifestacións convocadas por estes colectivos e celebradas no 17 de maio e 16 de xuño respectivamente. Os "destrozos" consisten en pintadas (nalgún caso a mesma) aparecidas en diversos muros da cidade.
No 26/12/2013 a Delegación do Goberno confirma a multa a M.M.E. de (Queremos Galego) e á Plataforma pola Defensa do Dereito ao Aborto fundamentando a súa decisión no feito de un policía que paseou polas rúas da  cidade antes das mobilizacións non ter visto as pintadas que si estaban ao  remate das marchas. Algunhas destas pintadas son atribuídas nos escritos ás dúas entidades (feitas portanto supostamente en  días distintos), o que leva a pensar que se trata dun texto-tipo adaptado a casos diferentes.
En marzo de 2014 M.M.E. presenta recurso. Ainda pendente de resolver.
 

17/09/2013

 
Na Coruña, axentes da Policía Local identifican e reteñen tres militantes de Isca! por supostamente pintaren murais co lema "Futuro digno para a mocidade galega". Requísanlles o material e anuncian que o Concello lles imporá unha multa de 600€.


18/09/2013


Dous militantes do BNG (A.S.I.B. e M.L.) son sancionados con multas de 200€ por faceren na Coruña unha pintada co lema "Futuro digno na nosa terra".  Xulgados por estes feitos, son condenados a 5 días sob liberdade vixiada ainda que xa tiñan pagado a multa.
Nove axentes anti-disturbios asistiron á vista oral no interior da sala e outro grupo numeroso permaneceu no exterior.


19/09/2013


Ábrese xuizo oral contra quince participantes na concentración do 12/10/2010, convocada por Nais contra a Impunidade en Arteixo para reclamar o esclarecemento dos feitos que levaron á morte de Diego Viñas, en 2004, no Cuartel da Guarda Civil desta vila. As persoas imputadas, entre elas unha irmá, unha tia e unha curmá do mozo falecido, FBA, FCS , FFdB, ESC , SDO, BPP, DGV, MMLB, JPR, LVC, PCR, enfréntanse a multas de 3600 euros por supostas inxurias aos axentes do Instituto armado.


21/09/2013


Durante  o partido Obradoiro CAB e Clube Ourense Baloncesto (COB) da Copa  Galicia, varios vixiantes da seguridade privada do Multiusos do Sar  reclaman a dous siareiros (F.B.S e outra persoa non identificada) que retiren as súas bandeiras (unha do colectivo Que voltem para a casa! e a outra unha estreleira) co pretexto de non poder ser exhibida no estadio "simboloxía política".
Posteriormente, outros siareiros, que se interesan xunto de axentes do CNP polo acontecido, son agredidos polos axentes a quen peden información.
Dias depois, o Valedor do Pobo emite unha recomendación en que se afirma que "a  práctica de prohibir a exhibición de bandeiras independentistas debe  levarse a cabo só, de xeito excepcional, en partidos que teñan sido  cualificados coma de alto risco pola Comisión Estatal contra a  violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte".
Os axentes denuncian os siareiros agredidos.
O 06/02/2014, F.B.S. é xulgado por agresión e desobediencia á autoridade.


24/09/2013


A  CNT de Ferrol denuncia a identificación de numerosas persoas nas  diferentes concentracións convocadas diante da cafetería Warholl en  protesta polo incumprimento da empresa das mínimas condicións laborais, a  pesar de as protestas estaren amparadas no dereito á liberdade sindical  garantido no art. 28 da C.E.
Tamén  critica a admisión a trámite da denuncia por supostas inxurias  presentada polo propietario da cafeteria Wahol contra traballadores que  berraron nas portas do local: "Paga o que debes"


27/09/2013


Na Coruña, depois da concentración mensal celebrada en solidariedade cos presos independentistas, a policia fotografa un manifestante no momento en que este garda retratos das persoas presas no seu veículo. Posteriormente, este manifestante recibe notificación de ter sido denunciado por “enaltecimento do terrorismo”.


30/09/2013


Varias persoas afectadas polas preferentes concéntranse diante do Casa do Concello do Porriño por se lles negar a entrada ao pleno municipal.
Posteriormente, a Subdelegación do Goberno en Pontevedra imporá sanción a A.G.M. e Y.D.V.  por "orixinar desordes leves e increpar e insultar o alcalde" durante  a concentración e infrinxir o artigo 26 da L.O. 1992 de Seguranza Cidadá.


Outubro


26/10/2013


Ao  rematar a manifestación da Plataforma Galega contra a LOMCE em Vigo, dúas  menores de 15 e 17 anos (E.G. e L.T.) son conducidas a comisaría por  teren exclamado "Vergoña me daría ser policía". Son acusadas dunha suposta "falta de respecto aos axentes e provocación para o resto de  manifestantes secundaren os insultos" (ainda que no momento de proferiren a frase a manifestación xa se disolvera).
A  detención prodúcese cando as menores, media hora despois de disolvida a  manifestación, están sentadas nun banco e 4 axentes do CNP,  aproximándose delas en actitude intimidatoria, lles preguntan: "a ver, a  quien le daría vergüenza ser policía? A ti y a  ti? Vamos! A  comisaría!"
As multas ascenden a 400€ cada unha.


Novembro


07/11/2013


Vinte militantes da organización xuvenil Galiza Nova son retidos por axentes do CNP e a GC acusados de alteraren a orde pública por corearen consignas en favor de emprego digno para a mocidade nun acto da conselleira de Traballo no Pazo de Congresos da Coruña. Expulsados do acto, son identificados e posteriormente denunciados.


08/11/2013


A Audiencia Provincial condena un axente da policía local de Lugo a pagar unha multa de 120€ por "extralimitarse nas súas funcións" durante o arresto dun home que estaba pelexando nun bar. O axente proferira frases como: "Se teño que pisarte a cabeza, písocha".


20/11/2013


En  Vigo prodúcese unha violenta carga policial contra unha manifestación  estudantil contraria à LOMCE. Varios axentes propinan unha malleira a un  individuo deitado no chao, o que provoca iradas reacción verbais de  persoas que presencian a actuacion dos axentes ("É un crío! Deixádeo en  paz!", "Animais! Que sodes uns animais de merda!", "A pistola faivos valentes?", "É un neno!").
Unha persoa graba a intervención. 6 son detidas.
Dous dias mais tarde, o 22/11/2013) O comité galego da Confederación Española de Policía denuncia en comunicado público a actuación do responsábel da carga policial como un "acto de completa ineptitude".
“Os policías víronse abocados a cumprir unhas ordes incoherentes e imprecisas, cando non inexistentes, que emanaban dun responsable do dispositivo que, chegado o momento dos disturbios, eludíu toda responsabilidade, abandonando os seus homes á súa sorte”, afirma o  Comité da CEP.


Decembro




Membros  da GC identifican en Mondariz 5 militantes de Galiza Nova (S.D., M.B,  M. de la F. e A.B., mais A.F., menor de idade) a instancias do alcalde  do Partido Popular por pintaren un mural en defensa do ensino público nun frontón da Rúa Merouzes onde había xa de antigo numerosas pintadas.
O 16/04/2014 as catro persoas maiores de idade son xulgadas e condenadas a 4 días de localización permanente.



2014


Xaneiro


04/01/2014


F.B.S. e outra persoa non identificada, que no 21/09/2013 foran obrigados a retirar bandeiras do Multiusos do Sar (Compostela), son expulsados do mesmo estadio por catro axentes do CNP. F.B.S. é espancado, atirado ao chao e alxemado com violencia, o que lle  produce lesións e cortes nos pulsos. É detido sob as acusacións de  “agresións” e “desobediencia”. Na comisaria, a policia non dá aviso da  detención á persoa que el indica para tal efecto.
O 06/02/2014 F.B.S. é xulgado en Compostela.


13/01/2014


D.C.  e D.N., militantes do BNG, son identificados e denunciados pola  realización dunha pintada  nun muro situado nun dos laterais da Nacional-VI en defensa do dereito  das mulleres ao aborto libre.


20/01/2014


Dous  autocares da convocatoria anual da  "Marcha às cadeias" son parados e  inspeccionados por membros da PN e da GC (un en Ourense e outro frente á prisión de  Villabona). Os axentes identifican todas as persoas que se encontran no interior.


30/01/2014


Son xulgados na Coruña M.N.P., M.O.L. e A.R.P. acusados de teren realizado sete pintadas en Pontedeume en 2008 contra a destruccion do litoral galego. Enfréntanse a sancións de  7.600 euros por un suposto delito de danos.


Febreiro


06/02/2014


A.E. comparece no xulgado de Betanzos para responder a unha  citación da Audiencia Nacional por un delito de “enaltecemento do terrorismo”, que se lle imputa por levar durante unha manifestación a fotografia dun preso independentista galego. Ás portas do xulgado concéntranse arredor de 20 persoas para expresaren a sua solidariedade co imputado e son identificadas unha a unha por un dispositivo da GC.


18/02/2014


Membros da seguranza privada do estadio de Riazor supervisados por axentes do CNP retiran e requisan unha faixa despregada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto entre asubíos de parte da bancada que anteriormente aplaudira a acción reivindicativa.
Ao tempo, bandeiras filonazis colocadas por siareiros do equipo asturiano -e que imitaban as do III Reich- permanecen durante todo o partido penduradas nun lateral do campo


20/02/2014


En Vigo, a manifestación convocada polas organizacións estudantis na xornada de folga remata cunha forte carga policial diante do edificio da Xunta na cidade. Unha hora despois de concluída a manifestación, A.L.P., menor de idade,  é identificado camiño de casa xunto cunha compañeira que, por padecer doenza cardíaca, non pode correr. En marzo unha e outro reciben notificacións de expediente sancionatorio por un delito de "desordes  públicas,  atentando, danos e lesións".
Tamén reciben notificacións de sanción outras 6 persoas e as tres que asinaran a comunicación da mobilización.



En Pontevedra prodúcese a detención de catro  persoas, todas menores de  idade, por tamén participaren nas mobilizacións estudantis. As catro  son levadas a comisaría á espera de seren recollidas por familiares. Un  estudante é multado con 7.000 euros por portar petardos no momento da  identificación.



En Ourense, os axentes requisan bandeiras argüindo que a lei non permite portar paus pola rúa.



23/02/2014


Membros  da GC identifican en Mondariz 5 militantes de Galiza Nova (S.D., M.B,  M. de la F. e A.B., mais A.F., menor de idade) a instancias do alcalde, Julio Alén, do Partido Popular, por pintaren un mural en defensa do ensino público nun frontón da Rúa Merouzes onde había xa numerosas pintadas.
O 16/04/2014, o xulgado de Ponteareas ten de suspender o xulgamento previsto para ese día por incomparecencia dos membros da GC actuantes no incidente. Finalmente, o 28/05/2014, o xuízo fica visto para sentenza e as 4 persoas maiores de idade son condenadas a 4 días de localización permanente.


25/02/2014 a 28/02/2014


12 persoas son xulgadas en Compostela acusadas de desordes públicas, atentado, resistencia á autoridade e outros delitos por incidentes acontecidos en Febreiro de 2009, cando unha manifestación convocada por Galicia Bilingue derivara  en enfrentamentos entre defensores e detractores da normalización  lingüística do galego. A defensa aporta probas documentais e  audiovisuais en que se constata que varios dos acusados foron agredidos por axentes e por  partidarios de Galicia Bilingüe, neste caso perante a pasividade da  policía que non tentou en ningún momento deter a agresión.  Tampouco actúa a fiscalia.


Marzo


05/03/2014


O colectivo Ceivar denuncia que no primeiro trimestre de 2014 foron encausadas 26 persoas por “enaltecimento do terrorismo”, todas elas acusadas de exhibiren fotografias de persoas independentistas presas en actos onde se reivindicaba a súa repatriación e posta en liberdade.


11/03/2014


Axentes  do CNP cargan con brutalidade contra unha manifestación de mariñeiros  do cerco nas proximidades do Parlamento de Galiza. A violencia policial  exércese contra mariñeiros, familiares, persoas solidarias e outras que  simplesmente se encontran nas proximidades. M.P., deputada do BNG, é  agredida é reducida por un número elevado de axentes, que lle propinan  porrazos nunha perna, cando tentaba disuadilos da súa actuación. Existe documento audiovisual.
  
O 07/04/2014 seis persoas son detidas en Compostela acusadas de participaren nestes incidentes. A unha das persoas detidas, doente de asma, élle negado o aceso a  medicación durante os case dous dias que permanece nos calabouzos,  recebendo mesmo mofas por parte dos axentes (“se non a tomas, tampouco  vas morrer”). As seis persoas son postas en liberdade sen medidas cautelares no dia 9.


       
21/03/2014


A  Plataforma de afectad@s polos abusos bancarios recibe notificación da Subdelegación do Goberno en que se informa da proibición de realizar nese dia a concentración que veu convocando diariamente durante os últimos seis meses na cidade de Vigo. O motivo é a coincidencia coa visita de Felipe de Borbón á  cidade.
       


En Compostela, axentes do CNP identifican 9 militantes de Galiza Nova  (X.M.A., A.M., A.M., S., mais cinco persoas non identificadas) e 3 do BNG (A.T., C.L. e P.) por se manifestaren contra a monarquia ante a inauguración da exposición Auga Doce, na Cidade da Cultura, á que tamén asiste Felipe de Borbón. 


22/03/2014


En Madrid, despois da “Marcha da Dignidade” que remata com enfrentamentos entre policia e manifestantes, varias persoas galegas son detidas por policias á paisana. Na comisaria, son obrigadas a  ficar de pé cos brazos ergueitos durante nove horas, mentres reciben insultos e humillacións. Posteriormente son levadas aos calabouzos, onde os axentes  acenden e apagan as luces arbitrariamente, provocando perda da noción  do tempo e imposibilidade de descansar. Tamén acenden o ár condicionado,  provocando sensación de frio. Durante 35 horas non se lles oferece auga  nen comida, e apenas lles é permitido ir ao cuarto de baño unha vez cada 12 horas.

 
25/03/2014 e 26/03/2014


Axentes  da Garda Civil despexan persoas que ocupaban a Ponte e a illa do Toleiro para evitaren a tala de ameneiros e a destrución do patrimonio  etnográfico situado na ribeira do río Sarria.
A  actuación das forzas de seguridade é denunciada pola propia Plataforma,  cuxas  queixas son posteriormente recollidas polo BNG que  eleva queixa ao Congreso através dunha pregunta dirixida ao Ministerio  do Interior.
       

30/03/2014


Na  Coruña, nas portas do estadio de Riazor, axentes do CNP identifican 12  militantes de Galiza Nova por distribuíren panfletos à saída do partido.
 
   
Abril
 

20/04/2014  


Movimentos sociais denuncian que en apenas dous dias a policía municipal da Coruña abriu expediente sancionador contra sete persoas por  rebuscaren nos caixotes de lixo, probabelmente na busca de comida. A  normativa local do goberno de Carlos Negreira prevé multas de 100 euros  por remexer o lixo, segundo o concello porque "deixa sucia a contorna".
 

29/04/2014


X.V.G. é identificado en Baiona nunha concentración das plataformas de persoas afectadas polo calote das preferentes. Posteriormente será sancionado pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra por ser o  "promotor e organizador dunha concentración non autorizada".


Maio


05/05/2014


EsCULcA  rexistra queixas dirixidas á Xefatura Territorial da Consellería de  Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Coruña, ao Servizo  Territorial de Inspección Educativa, ao Director do IES Breamo de  Pontedeume e ao Valedor do Pobo en relación ao expediente sancionador  aberto ao alumno C.M. por un acto reivindicativo no patio do centro  escolar.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria abrira expediente a C.M. a raiz dunha denuncia da asociación Galicia Bilingue tramitada pola dirección do centro. C.M. fotografárase -e subira a imaxe ao seu blogue- portando unha cartolina coa lexenda “Defender a lingua non é delito”, o que o colectivo denunciante entendeu como "un acto de consideración políticas".


09/05/2014


D.C.  e A. , que transportan propaganda electoral, son identificados por  axentes do CNP na noite do 8 ao 9, inicio da campaña para as elección  europeas.


Xuño
 
   
02/06/2014


A  Delegación do Goberno dá orde de identificar as persoas que se  concentran en silencio diante do Concello de Cee para reclamar o fin da  monarquía española. Membros da GC toman nota da presenza dalgunhas persoas, “coñecidas” polo instituto armado segundo informan, sen se molestaren en  lles pedir o documento de identidade.


12/06/2014


Mariñeiros  e armadores do cerco que participaron na  manifestación do 6 de marzo  en Vigo en defensa dun reparto xusto das cotas pesqueiras deseñadas por  Bruxelas reciben  notificación da Subdelegación do Goberno en que se lles comunica a  abertura de expediente sancionador por unha falta calificada como  "grave" (entre 150 e 300,51€)



A Plataforma sarriana polo rio informa que a Subdelegación do Goberno español iniciou 35 expedientes sancionadores por unha "infracción grave" (que sumarían multas de 20.550 euros) contra integrantes do colectivo a quen a GC acusa de "desordes públicas graves" por tomaren parte activa nun protesto contra as obras de encanamento dos ríos Sarria e Celeiro.



P.S.C.V. é identificado por axentes do CNP diante do predio dos Xulgados da  Coruña, onde se concentran unhas 60 persoas que protestan polo xuízo  seguido contra J.S.V., nai de dous presos procesada por un alegado  delito de enaltecemento do terrorismo a raiz dunhas declaracións na  prensa en relación coa situación dos seus fillos. O grupo marchara desde a Praza Monforte e chegara aos xulgados sen dificultar o  tránsito de vehículos segundo consta na acta de infracción asinada polo  subinspector C.R. 70.278. Nesta mesma acta aparece algunha consideración persoal a respeito de P.S.C.V. : ("Que en relación con este filiado  se quiere hacer constar, (sic) que su actitud chulesca, prepotente,  altiva y despectiva hacia los actuantes, (sic) es práctica habitual en  todos aquellos actos reivindicativos en los que participa").
O 20 de agosto a Subdelegación do Goberno comunica a P.S.C.V. abertura de  expediente sancionador e a posibilidade de lle ser imposta unha multa  de 300,51€


27/06/2014


A Subdelegación do Goberno en Pontevedra proíbe por “non comunicada” en tempo debido unha concentración de carácter urxente convocada polas Plataformas de persoas afectadas polas preferentes do Val Miñor, Baixo Miño e comarca de Vigo que, segundo o colectivo convocante, “cumpría cos prazos vixentes”. A súa intención era apoiar diante do Xulgado de Vigo o preferentista X.V., xulgado pola súa irrupción no pleno da Mancomunidade do Val Miñor do 30/04/2013 que se celebraba en Baiona.         
 
       
Xullo
       

O7/07/2014


A revista electrónica Abordaxe informa da notificación a varias persoas de abertura de expediente sancionador por participaren en diferentes actos reivindicativos de colectivos como Stop Desahucios, Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, etc.. Dase a circunstancia de todos os expedientes teren sido abertos (por multas de entre 300 e 450€) sen identificación das persoas no lugar dos feitos e en base exclusivamente a "recoñecemento" visual ou como persoas previamente "filiadas", segundo consta na acta policial. O número total de persoas afectadas sería de 8.
   

08/07/2014


M.D.V. e R.N.S., activistas da FRUGA e a CIG respectivamente, son detidos durante unha concentración de protesta pola investidura do novo alcalde de Santiago de Compostela, Agustin Hernandez. Os detidos son acusados de rebasar o cordón de seguridade e imputados polos delitos de desobediencia e resistencia á autoridade.
O 07/10/2014 comparecen nos Xulgados de Fontiñas (Compostela) acusados dun suposto delito de "resistencia e grave desobediencia á autoridade".
       

15/07/2014


O Foro Galego da Inmigración denuncia que o 06/06/2014 axentes da policía local da Coruña maltrataron un home (P.N.), de orixe nixeriana e residente legal na cidade desde hai anos, que vendía  caramelos nas proximidades do Centro Comercial Marineda City. Os  axentes, algún deles vestido á paisana, confiscaron a documentación e a  mercadoría.
Cando o imigrante "se dirixía a recoller a axuda/pagamento que quería facerlle unha señora foi retido por un individuo, que o colleu polo ombro e se identificou como policía. Este individuo, vestido de paisano, insistiu en collerlle o macuto en que levaba a mercadoría e tratouno de forma violenta. Colleu a documentación do vendedor e finalmente requisoulle a mercadoría", informa o Foro.  


Agosto
 
 
25/08/2014


Rúas cortadas por policía anti-disturbios, prohibición de acceso a espazos públicos e  varias persoas feridas (a mais grave R.C.S., cunha fenda na cabeza) son  o resultado da violenta actuación da VIII unidade da UIP destacada nas  proximidades da catedral de Compostela durante a visita de Angela Merkel  ao templo católico no cadro dun encontro hispano-alemán.
Ás 10:30, un  grupo dunhas 300-400 persoas convocadas por varios colectivos (BNG, CIG,  Colectivo de Despedidos da Citröen, Emigrantes retornados e Plataforma  de Afectados polas Preferentes) tentan expresar o seu desacordo coas  medidas da Troika na praza da Quintana, mais, ao toparen coa blindaxe  policial, ás 11:15 aproximadamente deciden transladar a protesta ao  Obradoiro. Na confluencia das rúas Fonseca e Raiña son interceptadas por  un rigoroso cordón policial e, cando expresan a súa vontade de pasar,  son violentamente espancadas polos axentes anti-disturbios. Finalmente  tentan levar a cabo unha perfomance en Fonseca mais topan con outro  cordón policial que igualmente impede a protesta.
O 14/09/2014 Samuel Juárez, Delegado do Goberno en Galiza, en entrevista concedida a un xornal coruñés, xustifica a dura represión da protesta por as persoas que participaron nela teren "exercido violencia contra os axentes da policía".A pesar de as imaxes divulgadas por numerosos medios  mostraren a inusitada violencia da intervención policial e o estado de activistas contusionados, o Sr. Juárez insiste en vitimizar os axentes que “nin sequera levaban o equipo de protección”
O  29/12/2014 P.S.C.V. recibe notificación de abertura de  expediente sancionador por unha infracción grave (multa de entre 300,51 e  6.010,12€) como alegado promotor da protesta.
En  xaneiro de 2015 tres dos militantes do BNG (P.C.R., A.L.R. e R.C.D.)  reciben notificación de abertura de xuízo oral (o último tamén de  procedemento sancionador) por supostamente agrediren un axente cun  obxecto punzante (axente con carnet profesional 18.167) e colleren a  outro a pistola (axente con carnet profesional 74.657).
Nos incidentes os axentes non deteñen nin identifican ningunha persoa.


30/08/2014


Diario Liberdade informa que que son xa 50 as persoas denunciadas na Coruña á altura de agosto de 2014 por procuraren comida e outros obxetos en contedores de lixo ao abrigo da ordenanza de xestions dos residuos do concello. Segundo fontes municipais, a maioria das persoas denunciadas (33) son de nacionalidade romena.
 
 
Setembro

  
04/09/2014
 

O organismo Ceivar denuncia o acoso a que a Guarda Civil submete a concentración en solidariedade coas persoas independentistas presas que se realiza nos xardíns da Alameda de Noia, ao pé da estatua de Filipe de Castro, as sextas-feiras de cada mes. O dispositivo policial despregado en torno á concentración, que reúne habitualmente entre 8 ou 10 persoas, algunhas menores de idade, chega nalgunha ocasión a contar con 6 furgóns policiais e as súas respectivas dotacións anti-disturbios, o que causa  alarma e estupor na vila. As persoas que participan nas concentracións  son regularmente identificadas, mesmo no caso de o acto ter sido comunicado a pesar de non ser legalmente necesario por non se ultrapasar o  número de 10 participantes.
 
 
10/09/2014


Na Coruña, nunha das últimas etapas en Galiza de La Vuelta Ciclista a España, axentes do CNP identifican e reteñen seis militantes do BNG (R.N.B., I. M. P. K., M., C., X.B., M.R., B.L. e X.L.P.) por exhibiren “simboloxía nacionalista”. A maioría dos axentes non levan á vista a placa de identificación persoal e aqueles aos que se solicita o número néganse a facilitalo. Esta  irregularidade é obxecto de escrito á mesa do Congreso da deputada  Rosana Pérez.



H.T., portavoz nacional de Causa Galiza, é identificado e agredido por axentes do CNP cando tentaba pendurar unha faixa nun tramo do percorrido de La Vuelta.

 
19/09/2014


Cargas policiais, identificación de activistas anti-despexos e a detención de B.G., sindicalista da CUT e mediador no conflito, despois de ser alvo de violencia policial, é o saldo da actuación de axentes anti-disturbios contra as persoas que tentan impedir que unha familia de Arins (Compostela) sexa obrigada a abandonar a súa casa.
Posteriormente os axentes presentan denuncia contra 4 activistas que son xulgados por desobediencia e resistencia á autoridade.
B.G.  interpón demanda por detención ilegal e falsidade en documento público  contra os axentes, achegando vídeos que contradin a versión das forzas  de seguridade sobre  acontecido aquela mañá, e reclama ao Valedor do  Pobo que abra unha "investigación imparcial, autónoma e  independente" sobre os feitos.


22/09/2014


Dous militantes de Galiza Nova de Lugo (A.J. e outro de que non consta identidade) son identificadas por  membros do CNP por colocar cartaces anunciando unha asemblea aberta do  BNG.


29/09/14


Na  Coruña, axentes do CNP identifican 4 militantes de Galiza Nova (D.G.M.,  A.F.V., C.H.G.V. e D.C.C.), este último sancionado posteriormente cunha  multa de 150 €, como supostos autores dun mural na rúa de Pedro Galán Calvete.


13/10/2014

  
Axentes  do CNP denuncian D.C. e D.N., militantes do BNG, por realizaren unha  pintada na estrada Nacional-VI en defensa do dereito das mulleres ao  aborto libre, gratuito e seguro. A Delegación do Goberno pede 6 días de  arresto domiciliario.
 
30/10/2014

 
Axentes  da Policía Local de Ferrol deteñen con violencia A.P.C. cando este, que  fazía auto-stop, cun brazo vendado e unha perna escaiolada, se aproxima da condutora dun vehículo para preguntar se pode levalo. Antes de o  conduciren a comisaria, os axentes levan A.P.C. a un centro médico para  ser atendido das feridas producidas no decurso da detención.
A.P.C.  denunciara anteriormente acoso laboral orixinado presumibelmente na súa  oposición á  adxudicación á empresa Vendex do servizo do Aquarium  Finisterrae e fora peza chave na investigación da rama coruñesa  (Pikachu) da operación Pokemon. A xuíza, Pilar de Lara, vese obrigada a  reiterar varias veces a citación de comparecencia aos axentes por estes  faceren caso omiso das sucesivas citacións.

       
Novembro


05/11/2014


A  Subdelegación do goberno español remite multas de até 150 euros a  mariñeiros e armadores da frota do cerco que tomaron parte na  manifestación do 6 de marzo en Vigo. A Subdelegación califica os feitos denunciados pola policía, obxecto da sanción, como "desordes leves" mais as faltas son calificadas como "graves", polo contido dos lemas coreados polas persoas que participaran na concentración.


07/11/2014


Membros  da GC expulsan a empurróns do salón en que a Conselleira de Traballo  Beatriz Mato participaba nun acto público 20 militantes de Galiza Nova,  entre elas o secretario xeral A.M. As persoas expulsadas realizaban un  escracho pacífico en demanda de emprego digno e son retidas durante  media hora, xa fora do recinto, para seren identifica


13/11/2014


En Compostela, a policía impede  que a concentración convocada pola plataforma Alianza Social Galega  contra a futura Lei de Seguranza Cidadá teña lugar nas portas da sede do  Partido Popular, segundo os termos da comunicación enviada à Subdelegación do Goberno. A pesar de os responsábeis da convocatoria  sinalaren ao xefe do dispositivo policial a manifesta ilegalidade da súa  actuación, toda vez que a Subdelegación do  Goberno non notificou en  ningún momento á plataforma  convocante prohibición de realizar a concentración no lugar previsto, o  ferreño control dos axentes que custodian a entrada do edificio onde se  sitúa a sede do Partido Popular torna imposíbel ás persoas alí congregadas realizaren o acto conforme aos termos explicitados na comunicación.
Un axente nega a R.N.S., sindicalista da CIG, o seu número de identificación persoal, comportamento que respalda explicitamente o  responsábel do operativo.

     
20/11/2014


X.V., N. R. e M. R. do colectivo de persoas afectadas polas participacións preferentes e subordinadas, son xulgados en Pontevedra por participación en mobilizacións do colectivo. A Plataforma do Baixo Miño afirma que os tres son acusados “sen seren identificados, nin detidos ,nin informados ”de causar “desordes graves e organizar concentracións irregulares”. Lembran que só nesta comarca hai 20 persoas afectadas, e máis de 30 citacións xudiciais perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo. 
     .

25/11/2014


Axentes  chegados en dez furgóns do CNP controlan a concentración en protesta  contra o despexo das súas vivendas de dúas familas, unha en Eirís e  outra no acceso ao campus de Elviña da UDC, onde se proxecta instalar o  Parque Ofimático da Coruña: Ainda que as protestas decorren sen  incidentes, os axentes acaban por deter un dos afectados.

 
27/11/2014


Un  forte dispositivo da UIP (16 carriñas e axentes con equipamento  anti-disturbios), apoiado por axentes municipais, “protexe” o despexo  dunha familia na Coruña e colapsa o tránsito de vehículos na Av. Alfonso Molina. A policía tronza as cadeas de tres activistas de Desahucios Coruña e BNG (X.M.C.), que se encadearan ao portón da vivenda para tentar evitar o despexo, e carga contra o grupo congregado na porta. A violencia da carga provoca que unha das activistas caia ao chao inconsciente.

               
30/11/2014


En  Madrid, siareiros ultradireitistas do Atlético de Madrid emboscan e  agreden brutalmente un grupo de siareiros dos Riazor Blues, do  Desportivo da Coruña. No ataque, o coruñés Francisco Javier Romero, coñecido como Jimmy, é espancado con unha barra de ferro até ficar inconsciente, e despois lanzado ao rio, onde acaba por morrer. Testemuñas presenciais e videos da escena revelan a pasividade policial ante a brutal agresión e as chamadas de auxílio da vítima.
Nun  primeiro momento, as autoridades responsabilizan unanimemente dos  feitos os dous grupos de seguidores. Pasados varios meses, a propia  policia e responsabeis do Ministerio do Interior acaban por recoñecer que se tratou dunha emboscada. Entre os detidos como posíbeis autores e cómplices do  ataque e asasinato hai membros dos corpos e forzas de seguranza do  estado.


       
Decembro


01/12/2014


A  Subdelegación do Goberno en Pontevedra acorda modificar o lugar dunha concentración de  protesta do persoal da concesionaria de limpeza do Ministerio de Defensa  por impago dos seus salarios comunicada pola CIG, na entrada à Base Militar General Morillo de  Figueirido, prevista para o 06/12/2014.
No súa resolución, a Subdelegación afasta  300 mts o punto de reunión para evitar que as reivindicacións das  traballadoras podan deslucir o acto de exaltación da Constitución  Española.
No 03/12/2014, o sindicato recorre a resolución e no  05/12/2014 o TSXG recoñece que a actuación da Subdelegación do Goberno  vulnera o dereito de manifestación e revoga a decisión.


31/12/2014

  
Axentes  da policia local de Tui piden 3.200 euros a  L.B., ao que acusan de  bater neles durante unha concentración. L.B. padece un 70% de  discapacidade psíquica e aínda non  recuperou todos os cartos cobrados en conceito de indemnización polo accidente que lle causou a lesión  (investidos en preferentes).  A  fiscalía rebaixa a petición a 300  euros.

O demandado foi reducido pola policía local -de forma “salvaxe”  segundo  algunhas testemuñas- durante unha concentración en solidariedade  con  X.V. e outro preferentista de Tui que foi acusado de agresión pola   policía e depois resultou absolvido ao non ser posíbel probar a  acusación.